A directora de relacións institucionais da corporación empresarial JEALSA foi nomeada embaixadora de honra desta Fundación pola súa implicación na loita contra o cancro hematolóxico

A directora da Axencia Galega de Doazón destaca o labor solidario de Margarita Hermo Figuera, nova embaixadora de honra da Fundación Stop Leucemia

A directora de ADOS Marisa López salienta a solidariedade e o compromiso dos galegos en materia de doazóns, xa que Galicia conta con preto de 15.000 persoas inscritas no Rexistro de doantes de medula ósea

Remarca que durante o ano 2023 houbo 15 galegos que doaron medula a aqueles enfermos que o precisaron

Rexistráronse 249 transplantes de proxenitores hematopoéticos, o que supón unha taxa de 92,6 transplantes por cada millón de habitantes, máis de 15 puntos por enriba da media nacional transplantes

Santiago de Compostela, 19 de xuño de 2024

A directora da Axencia de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS), Marisa López García, asistiu esta tarde ao nomeamento da directora de Relacións Institucionais da Corporación Empresarial Jealsa, Margarita Hermo Figueira, como Embaixadora de Honra da Fundación Stop Leucemia, polo seu decidido apoio, compromiso e sensibilidade a prol de iniciativas destinadas a promover os distintos xeitos de doazón e a loita contra o cancro hematolóxico.

Durante a súa intervención, a directora de ADOS salientou a longa traxectoria colaborativa de Margarita Hermo, valorando a súa implicación tanto persoal como profesional, ao tempo que destacou a importancia que posúe a colaboración de colectivos de todos os eidos da sociedade na promoción dunha cultura social favorable á doazón e que sexa sensible á loita fronte as enfermidades.

“Quero agradecer persoalmente o labor solidario e a implicación persoal da nova embaixadora”, remarcou  Marisa López, ao tempo que subliñou “o seu compromiso coa investigación sanitaria en xeral, e coa leucemia en particular”.

Na mesma liña, puxo en valor a importante aposta que a Xunta está a facer para combater este tipo de enfermidades, citando iniciativas como a construción do novo Centro de Produción de Terapias Avanzadas de Galicia, o investimento de 127 millóns de euros feito a finais do pasado ano para adquirir medicamentos CART-T para determinados cancros de sangue, ou a recente autorización de investimento, por un importe de 12 millóns de euros, para a subministración dun innovador medicamento destinado aos pacientes con cancros hematolóxicos.

Doazón de medula en Galicia

No transcurso do acto desta tarde, Marisa López tamén tivo palabras de recoñecemento para “a solidariedade e o compromiso dos galegos en materia de doazóns”, apuntando que a nosa comunidade conta con preto de 15.000 persoas inscritas no Rexistro de doantes de medula ósea (REDMO) e que, durante o ano 2023, houbo 15 galegos que doaron medula a aqueles enfermos que o precisaron.

Ademais, abundou a directora de ADOS, en Galicia rexistráronse un total de 249 transplantes de proxenitores hematopoéticos, o que supón unha taxa de 92,6 transplantes por cada millón de habitantes, co que se supera en máis de 15 puntos a media nacional transplantes (92,6 por cada millón de habitantes).

Data de actualización: 20/06/2024