A Xunta salienta o fenómeno Xacobeo como símbolo de unión de pobos e culturas

Os conselleiros de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, e de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, xunto co director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, participaron na sesión de ingreso do xurista Carlos Lema Devesa como Académico de Honra da Academia Xacobea

Santiago de Compostela, 19 de xuño de 2024

Os conselleiros de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, e de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, xunto co director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, participaron na sesión de ingreso do xurista Carlos Lema como Académico de Honra da Academia Xacobea. No peche do acto, Diego Calvo referiuse ao fenómeno xacobeo como símbolo de unión de pobos e culturas, e eloxiou o labor desenvolvido pola Academia para promover o estudo, a investigación e a promoción arredor del.

Para o conselleiro, igual de importante que os fins que identifican esta entidade son as persoas que a integran, todas elas expertas de recoñecido prestixio pola súa formación académica ou traxectoria profesional en diversos ámbitos. Así, afirmou que a incorporación do recoñecido xurista Carlos Lema “enriquecerá o labor da Academia Xacobea con novos proxectos a prol dun mellor coñecemento do que representa o fenómeno xacobeo para Galicia”.

Diego Calvo referiuse ao traballo de promoción de Galicia en xeral, e dos profesionais da xurisprudencia en particular, que xa realiza Carlos Lema como presidente da Asociación de Xuristas Galegos en Madrid e con iniciativas como o libro Ilustres xuristas galegos, do que é autor.   

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 19/06/2024