O conselleiro de Sanidade, Antonio García Caamaño, inaugurou esta tarde a xornada de presentación do novo protocolo do Servizo Galego de Saúde destinado a mellorar a experiencia das mulleres sometidas a cesáreas

A Xunta dá un paso máis para garantir o acompañamento e o contacto pel con pel durante as cesáreas en todas as áreas sanitarias

A nova Guía de acompañamento da muller e do contacto pel con pel na cesárea procura mellorar o benestar das mulleres embarazadas e fomenta o vínculo temperán entre nai e fillo

O protocolo xa está dispoñible no conxunto dos hospitais públicos galegos, “normalizando e homoxeneizando” os coidados das mulleres xestantes

Santiago de Compostela, 19 de xuño de 2024

O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, inaugurou esta tarde unha xornada formativa sobre a nova Guía de acompañamento da muller e do contacto pel con pel na cesárea e coa que a Xunta mellora o benestar da muller durante a atención ao embarazo, o parto e o puerperio.

Así, o responsable da Sanidade galega explicou que o novo protocolo xa está dispoñible no conxunto dos hospitais galegos, “normalizando e homoxeneizando” os coidados das mulleres embarazadas nas sete áreas sanitarias.

Do mesmo xeito, Caamaño remarcou que con esta medida o Servizo Galego de Saúde “salda unha débeda pendente” coas mulleres galegas pois, ademais de posibilitar o acompañamento durante o parto por unha persoa da súa confianza, tamén evita separacións innecesarias e fomenta o vínculo temperá entre nai e fillo.

Na compaña do director xeral de Asistencia Sanitaria, Alfredo Silva Tojo, o conselleiro de Sanidade remarcou que grazas á nova guía do Servizo Galego de Saúde tamén se conseguirá ”humanizar un dos momentos máis importantes das nosas vidas”.

Durante a súa intervención nesta xornada formativa organizada pola Axencia Galega de Coñecemento en Saúde (ACIS), Caamaño tivo palabras de agradecemento para o conxunto de profesionais sanitarios e os axentes que participaron na súa elaboración pois, o labor deste equipo de traballo posibilitou tamén dar cumprimento á iniciativa presentada en outubro no Parlamento de Galicia, e cuxo obxectivo principal era definir a aplicación dun mesmo protocolo para todos os centros hospitalarios da comunidade galega.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 19/06/2024