No Portal de contratos da Xunta de Galicia está publicada a licitación deste servizo

A Xunta destina máis de 780.000 euros para garantir o cumprimento dos tratamentos antituberculosos

Sanidade remarca a importancia da necesidade de administrar un tratamento supervisado naquelas persoas nas que se detecte unha maior vulnerabilidade ou risco de abandono do mesmo

Santiago de Compostela, 19 de xuño de 2024

A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Sanidade, publicou no Portal de contratos públicos de Galicia a licitación da contratación do servizo de intervención para garantir o cumprimento dos tratamentos antituberculosos. O importe da licitación é de 781.660 euros, por un período de dous anos.

Esta iniciativa do departamento sanitario galego ten como obxectivo contribuír á curación de todas as persoas enfermas de tuberculose para acadar o obxectivo prioritario contemplado no Programa galego de prevención e control desta enfermidade, que é o de diminuír as fontes de infección, así como colaborar no estudo da infección tuberculosa e dos contactos e propiciar o cumprimento dos tratamentos.

Sinalar que os afectados por esta enfermidade son, en moitos casos, persoas de sectores sociais  desfavorecidos e persoas migrantes, polo que o seu acceso aos servizos sanitarios e sociais existentes é difícil. En consecuencia, resulta fundamental unha boa metodoloxía de traballo para valorar a todos os doentes e a correcta indicación da necesidade de administrar un tratamento supervisado naquelas persoas nas que se detecte unha maior vulnerabilidade ou risco de abandono do mesmo.

Esta intervención, a través dos tratamentos supervisados, está recomendada pola Organización Mundial da Saúde.

A licitación establece, no apartado de adscrición de medios, un equipo de traballo integrado por seis traballadores sociais, con experiencia mínima dun ano en servizos similares con atención directa a enfermos.

Entre as accións que se van realizar, levaranse a cabo actuacións sobre a contorna da persoa infectada ou enferma de tuberculose para facilitar o diagnóstico rápido da infección por VIH, doutras infeccións de transmisión sexual e da hepatite C, así como a captación para o Programa galego de vacinación da poboación infantil pertencente ao colectivo de inmigrante, refuxiados e a outros grupos de exclusión social.

Unha vez valorada por parte de Sanidade a conveniencia de instaurar un tratamento supervisado debe realizarse un estudo socio-familiar de cada paciente para coñecer as súas necesidades e os recursos existentes na súa contorna. Este estudo, efectuarase a través de visitas domiciliarias e entrevistas, permitindo observar ao paciente no seu medio e dando unha perspectiva máis ampla da súa situación persoal e familiar, para conseguir unha correcta finalización do tratamento e a curación do enfermo.

Data de actualización: 19/06/2024