Rueda participou na gala dos Premios Empresa do Ano, organizados por Prensa Ibérica e patrocinados polo Banco Sabadell

O presidente da Xunta destaca o papel das empresas e emprendedores no potencial económico de Galicia e reitera o compromiso do Goberno galego co seu apoio e crecemento

Aposta por un apoio á iniciativa empresarial dende as institucións públicas como garantía para xerar riqueza e emprego na comunidade

 Resalta iniciativas como a Oficina económica de Galicia e a axilización de acceso ao solo industrial

Vigo, 19 de xuño de 2024

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, destacou hoxe o traballo dos emprendedores e empresarios galegos que co seu labor contribúen ao crecemento económico de Galicia. Fíxoo durante os Premios Empresa do Ano celebrados en Vigo, nos que destacou a necesidade de recoñecer o traballo destes empresarios desde a administración pública e proporcionar un apoio ao sector produtivo apostando pola innovación e a estabilidade sociopolítica. 

Nesta liña, Alfonso Rueda, acompañado pola conselleira de Economía e Industria, Mª Jesús Lorenzana Somoza,  destacou iniciativas como a Oficina económica de Galicia, que naceu co obxectivo de desburocratizar este proceso de poñer en marcha un negocio e que, con apenas un mes de actividade a pleno rendemento, xa ten recibido máis de 1900 consultas. Ademais salientou que a Xunta axiliza o proceso de acceso ao solo industrial mediante novas condicións para empresas, que cubrirá ata oito anos de custe cero. 

Os Premios Empresa do Ano, organizados por Prensa Ibérica e patrocinados polo Banco Sabadell, poñen en valor o traballo de 8 empresarios galegos de diferentes ámbitos aos que se lles premia en diferentes categorías. Así, os galardóns deste ano foron para Hijos de Rivera, que acadou o recoñecemento de Empresa do ano; Francisco Puga, de Delta Vigo, que recibiu o premio de Empresario do ano; Adolfo Domínguez, mellor Empresa familiar; o Grupo Aluman, galardoado na categoría de Empresa internacional; e o Grupo Davila, que recibiu o premio da categoría Empresa loxística. Ademais, Magallanes Renovables foi recoñecida como Empresa sostible; Beta Implant como Empresa innovadora; e UARX Space foi premiada como mellor Start-Up. 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 19/06/2024