A conselleira do Medio Rural visitou en Curtis Piensos del Sil, empresa beneficiaria de axudas xestionadas ao abeiro deste programa

A Xunta destaca que o programa de desenvolvemento rural de Galicia acada xa unha execución financeira de máis do 83 % do seu importe total

María José Gómez avanzou que precisamente mañá terá lugar en Curtis a reunión do comité de seguimento do PDR de Galicia, que -salientou- está supoñendo, en conxunto, a mobilización duns 1.600 millóns de euros de gasto público total na nosa comunidade

Subliñou tamén que o grao de aplicación do PDR galego supera en seis puntos a media nacional, que se sitúa no 77,2 %

Remarcou que o programa supón unha aposta por fomentar a competitividade da agricultura en Galicia, así como por conservar e revalorizar o seu patrimonio natural e por mellorar a calidade de vida da poboación rural

Curtis (A Coruña), 19 de xuño de 2024

A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, destacou hoxe que o Programa de Desenvolvemento Rural (PDR) de Galicia acada xa unha execución financeira que supera o 83 % do seu importe total. Isto significa, subliñou, que xa se executaron por parte da Xunta máis de 1.300 millóns de euros ao abeiro deste programa, e ademais que o grao de aplicación do PDR supera en seis puntos a media nacional, que se sitúa no 77,2 %.

Gómez fixo estas valoracións na súa visita a Piensos del Sil, empresa situada no polígono industrial de Curtis, e na que estivo acompañada polo secretario xeral técnico da Consellería, Jorge Atán, polo director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros, e polo alcalde da localidade, Javier Caínzos.

Esta compañía -salientou a conselleira- é unha referencia na fabricación de pensos compostos, con máis de seis décadas de experiencia, e precisamente foi beneficiaria de axudas enmarcadas no PDR para un investimento de preto de seis millóns de euros que permitiron a construción dunha nova factoría en Curtis. Nesta localidade coruñesa vaise reunir, mañá mesmo, o comité de seguimento deste Programa que, tal e como trasladou María José Gómez, está supoñendo, en conxunto, a mobilización duns 1.600 millóns de euros de gasto público total en Galicia.

Importancia do PDR para o rural galego

Nesta liña, a conselleira insistiu na importancia do PDR para o rural galego, xa que supón unha aposta por fomentar a competitividade da agricultura na nosa comunidade, así como por conservar e revalorizar o seu patrimonio natural, promovendo a xestión sustentable dos recursos e a loita contra o cambio climático. Este programa representa ademais, segundo Gómez, unha clara orientación cara á mellora da calidade de vida da poboación rural.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 19/06/2024