A Xunta salienta o labor dos programas do voluntariado social para evitar a exclusión social da mocidade en situación de vulnerabilidade

A directora xeral de Xuventude anima á participación nestas accións para construír unha sociedade “máis humanizada, xenerosa, tolerante e saudable”

Lugo, 19 de xuño de 2024

A directora xeral de Xuventude, Lara Meneses, puxo en valor o labor que desenvolven os programas de voluntariado social que traballan con persoas mozas en risco de exclusión social e situación de vulnerabilidade. Fíxoo durante a súa visita en Lugo á Fundación Juan Soñador, entidade sen ánimo de lucro implicada nestas accións e que está inscrita, desde 2005, no Rexistro de Acción Voluntaria da Xunta de Galicia.

Nesta visita, a representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude salientou a importancia do voluntariado social como un “xermolo fundamental para a cohesión” dunha comunidade e, polo tanto, animou á participación da sociedade para continuar a seguir dando pasos na construción dunha sociedade “máis humanizada, xenerosas acolledora, respectuosa, tolerante e saudable”. 

A Fundación Juan Soñador resultou gañadora dos Premios Galicia de Acción Voluntaria co proxecto ‘Acompañando Soños, Transformando Realidades’. Trátase dun programa de continuidade que lles leva á mocidade, a través do ámbito escolar, e á cidadanía en xeral, o valor do voluntariado. Desde o ano 2019, momento no que puxeron en marcha estas actuacións de sensibilización, 1.150 nenos, nenas e adolescentes participaron neste proxecto, desenvolvido en Vigo, A Coruña, Lugo e Ourense. 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 19/06/2024