O Servizo Galego de Saúde publica a convocatoria do concurso de traslados para os profesionais médicos de atención primaria
Os interesados poderán presentar a solicitude de participación desde o día seguinte á publicación no Diario Oficial de Galicia
Santiago de Compostela, 19 de xuño de 2024
O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica, na súa edición de hoxe, a convocatoria do concurso de traslados aberto e permanente para a provisión de prazas básicas de persoal estatutario da categoría de facultativo especialista de atención primaria, na que poderán participar os profesionais que se incorporaron a esta categoría no primeiro proceso convocado no ano 2022.
A categoría estatutaria de facultativo especialista de atención primaria do Servizo Galego de Saúde foi creada pola Lei 18/2021, do 27 de decembro, de medidas fiscais e administrativas (DOG núm. 251, do 31 de decembro).
Así, e unha vez transcorrido o período dun ano desde a primeira toma de posesión dos facultativos/as especialistas en atención primaria, convócase o concurso de traslados aberto e permanente para a provisión de prazas básicas desta categoría, para facer efectivo o dereito á mobilidade voluntaria do persoal estatutario fixo, favorecer a conciliación da vida laboral e familiar, e ademais acadar un mellor desenvolvemento profesional.
Esta convocatoria manterá a súa vixencia no tempo, cunha oferta de prazas e adxudicación de destinos que terán unha periodicidade mínima anual.
A solicitude de participación no concurso deberá efectuarse a través da Oficina Virtual do Profesional (Fides/expedient-e/Sección de Procesos), dirixirase a unha unidade de validación das relacionadas no propio formulario electrónico de inscrición e deberá presentarse por rexistro electrónico.
As persoas interesadas poderán presentar a solicitude de participación en calquera momento, sen suxeición a prazo, desde o día seguinte á publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia.
En cada ciclo anual de adxudicación, incluiranse as solicitudes de participación e petición de destinos que consten rexistradas en Fides/expedient-e e formalmente presentadas ata o 15 de xaneiro do respectivo ano. Con carácter excepcional, e exclusivamente para o primeiro ciclo de adxudicación, admitiranse as solicitudes de participación que consten rexistradas en Fides/expedient-e e formalmente presentadas ata o 1 de xullo de 2024.
Os méritos que se valorarán neste primeiro ciclo anual, serán os causados até o 15 de decembro do ano anterior, inclusive, que consten debidamente rexistrados en Fides/expediente-e e acreditados documentalmente pola persoa interesada ata o último día do prazo de presentación de solicitudes de participación.
Para efectuar as consultas e resolver as dúbidas que poidan xurdir neste procedemento, habilitouse o enderezo de correo electrónico concurso.traslados@sergas.es.