A Xunta informa da obriga de aplicar tratamentos insecticidas para a loita contra o vector da flavescencia dourada da vide nas comarcas de Celanova e O Ribeiro

A Consellería do Medio Rural emitiu un aviso fitosanitario sobre a obriga de realizar tratamentos insecticidas e ofrece información na súa páxina web sobre a listaxe das materias activas e formulados autorizados

Esta doenza transmítese polo insecto vector Scaphoideus titanus

Ourense, 19 de xuño de 2024

A Flavescencia Dourada da vide é unha doenza provocada polo organismo denominado Grapevine flavescence dorée phytoplasma, que provoca a morte das plantas de vide. Esta enfermidade é transmitida por un insecto vector chamado Scaphoideus titanus.

Dende o mes de maio, a Xunta de Galicia ven facendo un seguimento da evolución do insecto vector desta enfermidade. As ninfas atópanse no seu estado máis avanzado, polo que este é o momento máis axeitado para aplicar os tratamentos insecticidas, obrigados na zona demarcada e recomendados nas zonas vitícolas lindeiras a estas.

A Consellería do Medio Rural emitiu o aviso fitosanitario para informar aos viticultores sobre a obriga de uso de produtos insecticidas autorizados contra o Scaphoideus titanus.

O 2 de febreiro de 2023 publicouse a resolución que declaraba a presenza de Flavescencia dourada en Galicia, estableceu a zona demarcada e as medidas urxentes para a súa erradicación e control. Unha das medidas contempladas para a súa erradicación consiste na aplicación de tratamentos insecticidas autorizados en todas as plantas das parcelas de viñedo para o control do vector.

Nas prospeccións realizadas no ano 2023 producíronse novas deteccións deste organismo nocivo, o que fixo preciso ampliar a zona demarcada e modificar as medidas.

O 17 de novembro de 2023 publicouse a resolución na que se ampliou a zona infestada e demarcada e se establecen medidas obrigatorias. A zona demarcada na provincia de Ourense comprende os concellos de Arnoia, Cortegada, Padrenda, Pontedeva, Gomesende (parroquias de A Guía, O Pao, San Lourenzo, Penosiños, Poulo) e Quintela de Leirado (parroquias de Quintela de Leirado, Leirado, Mociños e Redemuíños).

Na páxina web da Consellería pode consultarse a listaxe das materias activas e formulados autorizados para estes tratamentos fitosanitarios así como as parroquias onde é obrigado o tratamento.

En caso de dúbida pode consultarse ao persoal técnico das oficinas rurais ou do Servizo de Explotacións Agrarias.

Na páxina web da Consellería pode atoparse máis información.

Data de actualización: 19/06/2024