A Xunta finaliza a reforma da PO-552 ao seu paso por Baiona

A delegada territorial en Vigo, Ana Ortiz, visitou este mércores os traballos que levou a cabo o Goberno galego na principal arteria da vila

Baiona (Pontevedra), 19 de xuño de 2024

A delegada territorial da Xunta de Galicia en Vigo, Ana Ortiz, visitou este mércores as obras que levou a cabo a Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas en Baiona para a reforma da travesía que cruza a vila a través da estrada PO-552. Durante a visita xunto ao alcalde, Jesús Vázquez Almuiña, a representante autonómica avanzou que os traballos xa remataron tras realizar un investimento de 45.584,87 euros e nas vindeiras horas procederase ao pintado.

O obxectivo era ter rematada a mellora da avenida antes da temporada de verano na que aumenta considerablemente o tráfico, de maneira que afecte o menos posible á mobilidade”, asegurou a representante autonómica.

A actuación foi dirixida á reparación do firme da estrada PO 552 na travesía de baiona, e en concreto entre a glorieta de entrada ao porto e lonxa de Baiona e o acceso ao Parador de Monterreal. Deste modo, mellorouse o pavimento e a drenaxe, ademais de reducir o ruído. Os traballos tamén incluiron as beiravías e os aparcamentos, así como a reposición da sinalización horizontal.

Nigrán e Gondomar

A Xunta adxudicou tamén este mes de xuño, por importe de 1.182.948 euros, as obras de mellora do firme nas estradas autonómicas PO-340, PO-331 e PO-332 ao seu paso polos concellos de Nigrán e de Gondomar. As intervencións incluídas neste contrato levaranse a cabo no treito da PO-340, a estrada Tui e A Ramallosa, na PO-331, que une Torneiros e Gondomar, e no treito inicial da estrada PO-332, Nigrán-Vincios.

As actuacións, que contan cun prazo de execución de nove meses, teñen como obxecto a rehabilitación localizada do firme mediante o fresado e a reposición da capa de rodaxe, coa finalidade de mellorar as condicións de circulación en varios treitos destas tres estradas.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 19/06/2024