A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, xunto co alcalde de Ferrol, José Manuel Rey, visitou hoxe as parcelas deste polígono

A Xunta adxudicará nos vindeiros días a redacción dos proxectos para construír 54 novas vivendas de promoción pública no Bertón, en Ferrol

Martínez Allegue detalla que 27 vivendas se acometerán na parcela 1 do polígono do Bertón, e as outras 27 vivendas se executarán na parcela 2

Adianta que nunha segunda fase se licitarán os proxectos para aproximadamente outras 317 vivendas a construír neste polígono

A conselleira anunciou que nas vindeiras semanas tamén se convocará un concurso de adxudicación de parcelas para que promotores e cooperativistas poidan executar vivenda protexida, con prezos máximos de venta e renda

Puxo en valor o proxecto “Abrir Ferrol ao mar”, que a través dun convenio de colaboración entre a Xunta e o Concello, impulsa o tránsito peonil e ciclista ao longo de 10 quilómetros que conectan o Casco Vello e o barrio de Caranza

Ferrol, 19 de xuño de 2024

A Xunta adxudicará nos vindeiros días a redacción dos proxectos para construír 54 novas vivendas de promoción pública no Bertón, en Ferrol.

Así o avanzou hoxe a conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, que xunto co alcalde de Ferrol, José Manuel Rey, visitou hoxe as parcelas deste polígono nas que se prevé executar os inmobles.

Detallou que 27 vivendas se acometerán na parcela 1 do polígono, para o que xa está licitada a redacción do proxecto por preto de 260.000€. As outras 27 vivendas executaranse na parcela 2 e tamén está licitada a redacción do proxecto por case 250.000€.

Adiantou que nunha segunda fase se licitarán os proxectos para aproximadamente outras 317 vivendas a construír neste polígono.

Lembrou que estes novos inmobles se suman aos que a Xunta xa construíu noutras parcelas deste polígono, concretamente 52 vivendas de promoción pública, cun investimento total de case 6M€.

Sinalou que proximamente se convocará o concurso de parcelas para que promotores e cooperativistas poidan executar vivenda protexida, é dicir con prezos máximos de venta e renda, en coordinación coa axuda a promotores que tamén lanzará a Xunta a semana que vén.

Por outra parte, a conselleira indicou que a Xunta adquiriu en Ferrol Vello, a través do programa Rexurbe, 24 inmobles para construír ou rehabilitar medio centenar de vivendas protexidas.

Martínez Allegue tamén puxo en valor outras iniciativas en marcha como o proxecto “Abrir Ferrol ao mar”. Trátase dun convenio de colaboración co Concello para favorecer o tránsito peonil e ciclista ao longo de 10 quilómetros que conectan o Casco Vello e o barrio de Caranza.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 19/06/2024