O xerente do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, Perfecto Rodríguez, visitou esta mañá o centro acompañado do alcalde do concello, Antonio Montero

A Xunta financiará a reforma e ampliación da residencia de maiores do concello de Avión

Destinaranse 200.000 euros do Plan de Investimentos a mellorar o centro e consolidar a súa ampliación con 14 novas prazas

Avión (Ourense), 19 de xuño de 2024

A Xunta de Galicia destinará 200.000 euros a financiar obras de mellora e ampliación na residencia de maiores de Avión, de titularidade municipal. O xerente do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, Perfecto Rodríguez, visitou hoxe o centro acompañado do alcalde, Antonio Montero Fernández.

Esta actuación enmárcase no novo Plan de Investimentos de 18,5 millóns de euros co que o Executivo autonómico sufraga unha vintena de proxectos de construción, reforma ou ampliación de residencias, centros de día, vivendas comunitarias e centros sociais que dependen dos concellos. Un plan acordado coa Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) e financiado con fondos europeos do Mecanismo de Recuperación e Resiliencia (NextGenerationEU).

No caso da residencia e vivenda comunitaria de Avión, a Xunta financiará o 100% do custo da actuación e será o Concello o que se encargue da súa licitación e contratación unha vez que se asine o convenio de colaboración entre ambas administracións. Esta intervención consolidará a ampliación do equipamento con 14 novas prazas. Ademais, entre outras melloras, acometeranse traballos de pintado, de renovación de pavimentos e falsos teitos, de reparación de elementos deteriorados e de filtracións puntuais, así como dotarase ao centro de novos vestiarios e baños adaptados.

 Impulso á rede de servizos locais

O xerente do Consorcio destacou o impulso histórico que supón o Plan de Investimentos, tanto na mellora de instalacións como na creación de 500 novas prazas de atención residencial e outras 150 de atención diúrna. Ao respecto, engadiu que este plan permitirá seguir reforzando a rede de servizos locais e de proximidade destinados ás persoas maiores.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 19/06/2024