A Xunta comeza as obras de mellora do firme en 3 estradas autonómicas ao seu paso por 7 concellos da provincia de Lugo, cun investimento de preto de 2,5 M€

Acometeranse intervencións nas vías LU-530, LU-122 e LU-113, ao paso por Castroverde, Baleira, A Fonsagrada, Castro de Rei, Cospeito, A Pastoriza e Riotorto

O Goberno galego segue traballando para manter as estradas nas mellores condicións e garantir a seguridade, destinando este ano 53 M€ á súa conservación

Santiago de Compostela, 19 de xuño de 2024

A  Xunta comezou hoxe as obras de reforzo de firme nas estradas LU-530, LU-122 e LU-113, que suporán un investimento de preto de 2.5 millóns de euros.

Estas intervencións levaranse a cabo en varios treitos das estradas LU-530, LU-122 e LU-113; ao paso polos municipios de Castroverde, Baleira, A Fonsagrada, Castro de Rei, Cospeito, A Pastoriza e Riotorto.

De xeito máis detallado, actuarase na estrada LU-530 entre as travesías de Castroverde e do Cádavo, ao longo dunha lonxitude de 8,78 quilómetros; e entre A Lastra e A Fonsagrada, en 19,34 quilómetros.

Na LU-122, intervirase no tramo Paraxes-Cruz da Cancela, nunha lonxitude de 20,12 quilómetros; e na LU-113, desde o final da travesía de Castro ata Xustás.

Estas intervencións danlle continuidade aos traballos executados en anos anteriores, pois na LU-113 mellorouse en 2023 o firme entre os puntos quilométricos 0 e 6+000 nos concellos de Castro de Rei, Cospeito e Abadín.

Cómpre lembrar que no 2019 tamén se acondicionou a capa de rodaxe da LU-530 entre o inicio da estrada en Lugo ata a entrada a Castroverde.

O Goberno galego continúa a traballar para manter as vías de titularidade da Xunta nas mellores condicións e para garantir a seguridade viaria aos usuarios, destinando neste ano 53 M€ á súa conservación.

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 19/06/2024