Medio Rural destina máis de 4 M€ en axudas para a adquisición de maquinaria agrícola en común

Con estas subvencións, cuxa convocatoria se publica hoxe en DOG, a Xunta de Galicia potencia o asociacionismo e a mellora da eficiencia tecnolóxica e económica das explotacións agrarias

A Consellería do Medio Rural convocou estas axudas en oito ocasións no marco do PDR 2014-2020 cunha achega total de 28,22 M€

Santiago de Compostela, 19 de xuño de 2024

A Xunta publica hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) a convocatoria das axudas destinadas ao fomento da utilización de maquinaria agrícola en réxime asociativo cunha dotación de 4,15 M€. As achegas están dirixidas a cooperativas e sociedades agrarias de transformación (SAT), que poderán financiar todo tipo de maquinaria de uso común, sempre que supoñan unha redución de custos de produción ou incrementen a súa produtividade. Tamén se consideran financiables os estudos técnico-económicos de viabilidade da operación.

Os obxectivos desta orde son promover a maquinaria e equipamentos de carácter agropecuario en réxime asociativo, fomentar a introdución de novas tecnoloxías no seu emprego, racionalizar os custes de mecanización, incrementar os mecanismos de seguranza no traballo, reducir as emisións contaminantes e fomentar o aforro enerxético na procura dunha mellora de calidade de vida no medio rural.

Estas axudas están financiadas co Instrumento de Recuperación da Unión Europea (EURI) e prevese a súa continuidade nos vindeiros anos dentro das medidas do Plan Estratéxico da PAC (PEPAC). Nesta liña, compleméntanse coa orde destinada a instalacións e equipamentos en común.

A Consellería do Medio Rural leva promovendo estas axudas no marco do PDR 2014-2020 dende 2016 e convocáronse anualmente dende entón, o que supuxo unha achega total de 28,22 millóns de euros. Durante este período, a provincia da Coruña agrupou a metade dos expedientes e do investimento, seguida de Pontevedra e Lugo, con case o 25% cada unha, mentres que Ourense tivo un menor número. Os tipos de maquinaria agrícola subvencionada máis solicitados foron os carros mesturadores, os angazos, os tractores e as segadoras. O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, que se contará dende o día seguinte á da publicación da orde no Diario Oficial de Galicia.

Ligazón á convocatoria no DOG: https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2024/20240619/AnuncioG0426-100624-0001_gl.html

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 19/06/2024