A Xunta adxudica por preto de 185.000 euros as obras de mantemento do inmoble de vivendas de promoción pública da rúa Teixugueiras 15-17, en Vigo

Repararanse as xuntas de selado entre paneis de fachada e o selado da carpintería das fiestras que se atope en mal estado

Santiago de Compostela, 18 de xuño de 2023

A Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, a través do Instituto Galego de Vivenda e Solo, adxudicou por 184.864 euros as obras de mantemento do inmoble de vivendas de promoción pública construído nos números 15 e 17 da rúa Teixugueiras, en San Paio de Navia, no concello de Vigo.

Os traballos, adxudicados á empresa Braio Multiservicios S.L., contan cun prazo de execución de nove semanas.

En concreto, a obra a realizar consistirá na reparación de parte das xuntas de selado, que están deterioradas, entre os paneis que compoñen a fachada do edificio. Tamén se repararán algunhas das xuntas de selado das carpinterías das fiestras, previa retirada do material deteriorado.

O inmoble foi construído polo Instituto Galego de Vivenda e Solo, que é propietario de 164 vivendas, adxudicadas en réxime de alugueiro. No mesmo tamén hai 35 vivendas cedidas gratuitamente polo IGVS ao concello de Vigo.

 

 

Data de actualización: 18/06/2024