A Xunta e o concello de Ribadeo selan a colaboración para o desenvolvemento do centro que xestiona a área Rexurbe deste municipio

A Xunta cofinanciará nun 60% o funcionamento deste centro dependente do Concello, achegando un investimento de preto de 115.000€ para os anos 2024, 2025 e 2026

Santiago de Compostela, 18 de xuño de 2024

A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue e o alcalde, Daniel Vega Pérez, veñen de asinar  en Santiago o convenio de colaboración para o desenvolvemento do centro que xestionará a área Rexurbe deste municipio.

A Xunta cofinanciará nun 60% o funcionamento deste centro dependente do Concello, achegando un investimento de preto de 115.000€ para os anos 2024, 2025 e 2026.

O convenio establece que lle corresponde ao Concello a creación e xestión do centro Rexurbe, dotándoo dos medios materiais e humanos necesarios para atender as finalidades que lle encomenda a Lei de rehabilitación.

Estas instalacións funcionarán como punto de información, asesoramento, xestión, seguimento e difusión da área Rexurbe de Ribadeo, co obxectivo de impulsar as actuacións de recuperación, rexeneración e dinamización da área.

O centro deberá dispoñer do persoal necesario e un local accesible ao público, con entrada independente. Tamén contará cos programas informáticos compatibles coa plataforma informática de Rehabilitación que facilite o Instituto Galego da Vivenda e Solo.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 18/06/2024