O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes participou na inauguración do Congreso Internacional "O proceso penal e o sistema de xustiza ante a irrupción da Intelixencia Artificial"

A Xunta destaca as posibilidades que ofrece a Intelixencia Artificial no eido xudicial

Diego Calvo sinalou que poderá ser aplicada para mellorar a eficacia da xustiza penal e chegar a ser clave en decisións como medio de proba

O Goberno galego aposta por unha xustiza áxil, dixital e moderna con iniciativas como o Plan Senda 2025 e a Estratexia Galega de Ciberseguridade

Galicia traballa xa nunha normativa específica sobre IA que a converterá na primeira rexión europea en ter lei propia para o seu desenvolvemento e implantación na Administración

Santiago de Compostela, 18 de xuño de 2024

O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, acompañado polo director xeral de Xustiza, José Tronchoni, participou hoxe na inauguración do Congreso Internacional O proceso penal e o sistema de xustiza ante a irrupción da Intelixencia Artificial, onde destacou as posibilidades deste avance tecnolóxico para mellorar a eficacia da xustiza. Para Diego Calvo, a Intelixencia artificial pode chegar a ser clave en decisións xudiciais como medio de proba, polo que sinalou a importancia de foros nos que abordar as fortalezas e ameazas que representa.

Nesta liña, referiuse á necesidade de actualización tanto dos recursos tecnolóxicos como dos profesionais da xustiza “para aproveitar todo o potencial das novas ferramentas dixitais, entre elas a Intelixencia Artificial”. “Esta é a grande aposta da Xunta para contar cunha xustiza áxil, dixital e moderna, capaz de adaptarse ao seu tempo”, engadiu.

Así, o conselleiro lembrou que  Galicia conta co III Plan Tecnolóxico da Administración da Xustiza, Senda 2025, “unha aposta sen precedentes dotada cun investimento de 43 millóns de euros para un período de cinco anos”. Con el conseguiuse completar a dixitalización das máis de 200 salas de vistas e poñer en marcha todos os proxectos previstos para garantirlle á cidadanía o acceso a distancia aos servizos xudiciais.

Diego Calvo sinalou tamén a Estratexia Galega de Ciberseguridade para facerlle fronte ás ameazas no eido dixital. Entre outras iniciativas, no ámbito específico de xustiza, permitiu despregar un plan de medidas para dotar de ferramentas de seguridade máis de 5.000 equipos e impulsar charlas formativas para o persoal.

Lei autonómica pioneira

A maiores, Galicia será a primeira rexión europea en ter unha lei propia que regule a intelixencia artificial para o seu desenvolvemento, implantación e impulso na Administración. Segundo indicou o conselleiro, coa iniciativa trátase de “garantir o bo uso desta tecnoloxía no ámbito público autonómico, así como de protexer os dereitos da cidadanía e de promover a súa aplicación  por parte tanto da sociedade como do tecido produtivo”. A iniciativa súmase á Estratexia Galega de Intelixencia Artificial, que converte tamén Galicia nunha das primeiras comunidades en desenvolver esta ferramenta cunha visión estratéxica.

O Congreso Internacional O proceso penal e o sistema de xustiza ante a irrupción da Intelixencia Artificial desenvólvese nas xornadas de hoxe e mañá na facultade de Dereito de Santiago de Compostela. Enmárcase no proxecto de investigación Intelixencia Artificial, Xustiza e Dereito: ¿irrupción ou disrupción tecnolóxica no proceso penal? impulsado polo Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades, e na Axuda para a consolidación de Unidades de Investigación do Sistema Universitario de Galicia da Xunta.

Data de actualización: 18/06/2024