A Xunta de Galicia e o concello de Castrelo de Miño analizan as posibilidades de crecemento industrial do municipio ourensán

A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, está a manter unha rolda de contactos cos rexedores galegos logo de incorporar a política de planificación de solo empresarial ao seu departamento

Santiago de Compostela, 18 de xuño de 2024

A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, mantivo un encontro co alcalde de Castrelo de Miño, Avelino Pazos, con quen abordou, entre outros asuntos, as posibilidades de impulsar medidas que favorezan o desenvolvemento industrial do municipio ourensán.

A xuntanza enmárcase na rolda de contactos que Lorenzana está a manter cos distintos rexedores locais agora que a política de planificación de solo industrial é competencia da consellería de Economía e Industria, a través da Dirección Xeral de Estratexia Industrial e Solo Empresarial.

Así as cousas, na reunión, expuxéronse os beneficios do Programa Concello Emprendedor, ao que está adscrito Castrelo de Miño dende o ano 2021. Unha iniciativa da Xunta de Galicia que busca ofrecer facilidades ao investimento empresarial para impulsar a reactivación económica e, polo tanto, ofrece máis axilidade na tramitación administrativa, no acceso ao solo industrial e maiores incentivos fiscais. Arestora, 156 concellos se teñen adherido ao programa.

Lorenzana tamén lembrou que a Consellería de Economía e Industria conta con tres liñas de axuda para contribuír á competitividade dos parques empresariais galegos. Concretamente, para a creación de viveiros industriais, para a mellora de infraestruturas e servizos e unha terceira liña para o reforzo e extensión das redes de distribución eléctrica. Estas dúas últimas resoltas recentemente.

Por outra banda, Conselleira e alcalde coincidiron na importancia de fomentar a desburocratización da tramitación administrativa para atraer empresas, tal e como está a facer o Goberno galego a través da Oficina Económica de Galicia dependente do Igape. No seu primeiro mes de funcionamento, en abril, rexistrou máis de 900 consultas e máis de cen citas de acompañamento ás empresas galegas. E, ao fío, tamén se abordaron as medidas do Plan de aceleración de proxectos industriais, que garante a tramitación en menos dun ano daquelas iniciativas empresariais con máis de 800.000 euros de investimento, e os plans directores por sectores nos que a Xunta está a traballar.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 18/06/2024