A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático reuniuse con varios representantes da directiva de Viratec

A Xunta e o Clúster de Solucións Ambientais estudan fórmulas de colaboración para fomentar a innovación sostible e a loita contra o cambio climático

Avalían diferentes iniciativas dirixidas a dar a coñecer as novidades tecnolóxicas no ámbito das solucións ambientais, así como as últimas innovacións no eido da economía circular e da loita contra o quecemento global

Santiago de Compostela, 17 de xuño de 2024

A Xunta de Galicia e o Clúster Galego de Solucións Ambientais e Economía Circular (Viratec) están a estudar fórmulas de colaboración para fomentar a innovación sostible e a loita contra o cambio climático.

 

Nesa liña, nunha reunión que mantiveron hoxe a conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, e representantes de Viratec (entre eles o presidente, Nicolás Esmorís, e a xerente, Ana Botas) avaliaron varias iniciativas dirixidas a dar a coñecer as novidades tecnolóxicas no ámbito das solucións ambientais, así como as últimas innovacións en economía circular e loita contra o quecemento global.

 

A maiores, tamén incidiron na importancia de fomentar a divulgación ambiental de cara a acadar unha maior concienciación da cidadanía no coidado e protección do medio ambiente.

 

Nese senso, Ángeles Vázquez analizou cos representantes da entidade a posible colaboración da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático no I Foro de Innovación Sostible co obxectivo de intercambiar experiencias e coñecemento a través da participación de expertos en diversas mesas de traballo.

 

Durante o encontro, a responsable autonómica destacou a importancia de que administracións públicas e tecido empresarial vaian da man en materias clave desde o punto de vista medioambiental e da sostibilidade económica, como pode ser, concretamente, a xestión dos diferentes tipos de refugallos.

 

De feito, Ángeles Vázquez puxo en valor a Alianza galega polo clima -que conta xa con ao redor de 140 entidades adheridas entre universidades, autoridades portuarias, clubs deportivos ou empresas-, pois contribúe a conectar o tecido produtivo e social galego de cara a traballar contra o quecemento global, facer máis resiliente á comunidade e establecer pautas de actuación para alcanzar a neutralidade climática.

 

Cómpre lembrar que Viratec, que tamén está adherido á Alianza galega polo clima, é un ecosistema de cooperación pública-privada que xera sinerxías entre distintas áreas de coñecemento, promove a I+D+i, mellora a formación e crea oportunidades de internacionalización, para contribuír ao desenvolvemento sostible da sociedade galega e a preservación do seu medio ambiente, baixo os principios da economía circular.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 17/06/2024