Lorenzana subliña o papel da Oficina Económica do Igape para o mantemento da actividade produtiva e do emprego no proceso de venda da pesqueira Fandiscosta

A conselleira de Economía e Industria agradeceu o intenso traballo despregado por todas as partes para alcanzar un acordo que permitirá manter, tal e como se solicitou desde o Goberno galego, como mínimo, co 90% do persoal de produción, dunha empresa que conta no seu cadro de persoal con 214 traballadores

Santiago de Compostela, 17 de xuño de 2024

A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, destacou hoxe o papel desempeñado pola Oficina Económica do Igape ao longo de todo o proceso de venda da pesqueira Fandicosta para asegurar o mantemento da actividade produtiva e do emprego na planta de Moaña (Pontevedra).

Lorenzana agradeceu o intenso traballo realizado por todas as partes para acadar un acordo de venda que permitirá manter, como mínimo, o 90% do persoal de produción, tal e como viña defendendo a Xunta de Galicia. Un cadro de persoal que na actualidade ascende a 214 traballadores.

Desde a súa posta en funcionamento en abril, a Oficina Económica do Igape actúa como punto único de asistencia empresarial da Administración autonómica, en liña co obxectivo da desburocratización, e como órgano de acompañamento a empresas en situacións de crise, para tentar salvar a actividade económica e os empregos vinculados.

No caso de Fandicosta, cómpre lembrar que, a principios deste ano, a empresa, en preconcurso, asinou un contrato de opción de compra a favor de Wofco. Daquela, a Xunta renunciou á recompra da súa participación na compañía a través de Xesgalicia, que era do 12,1% do capital, a cambio dun compromiso de mantemento mínimo do 90% do emprego. 

A conselleira de Economía e Industria, salientou a aposta da Xunta de Galicia por acompañar as necesidades do tecido empresarial galego a través da desburocratización e a axilidade administrativa e, concretamente, dun plan específico de aceleración para proxectos industriais cuxo investimento supera os 800.000 euros. Ademais, apuntou que a Administración autonómica está elaborando plans directores para os sectores estratéxicos da economía galega (naval, automoción, metalmecánico, loxística, TIC e forestal-madeira) para radiografiar as necesidades tamén en materia de solo industrial.

Data de actualización: 17/06/2024