A Xunta inviste máis de 5,2 millóns de euros na procura da excelencia formativa dos futuros profesionais sanitarios

O Executivo galego incrementa este ano nun 10 % a partida destinada a optimizar a formación do alumnado das especialidades das Ciencias da Saúde

Os acordos subscritos entre o Servizo Galego de Saúde e as tres universidades galegas posibilitan que, desde o 2001, os profesionais do Sergas poidan compatibilizar a súa actividade asistencial coa actividade docente e investigadora

Estes acordos tamén posibilitan que os estudantes universitarios poidan acceder ás infraestruturas e ao conxunto de recursos dos que dispón o Servizo Galego de Saúde

O Consello da Xunta autorizou esta mañá unha nova prórroga dos concertos subscritos entre o Servizo Galego de Saúde e as universidades de Santiago de Compostela, A Coruña e Vigo co obxectivo de acadar a excelencia formativa dos futuros profesionais sanitarios.

En virtude destes acordos, o Executivo galego destinará un orzamento global de 5.289.479 euros para renovar unha colaboración que tamén permite a utilización das institucións sanitarias para finalidades docentes, asistenciais e de investigación.

Estes novos expedientes de cooperación entre o departamento sanitario da Xunta e as universidades galegas estenderanse desde o 1 de xullo do ano 2024 até o primeiro semestre de 2025. A Xunta incrementa este ano nun 10 %, en 516.592 euros, a partida destinada ao conxunto destes concertos.

O Servizo Galego de Saúde e as tres universidades galegas manteñen esta colaboración desde o ano 2001, establecéndose uns acordos que posibilitan que os profesionais do Sergas compatibilicen a súa actividade asistencial coa actividade docente e investigadora.

Así mesmo, mediante estes concertos o departamento sanitario da Xunta ratifica o seu compromiso coa formación do alumnado, ao poñer á disposición do sistema universitario galego todos os recursos dos que dispón o Servizo Galego de Saúde.

O orzamento destes acordos está destinado a financiar todos os custos de persoal derivados da dispoñibilidade para a docencia pregraduada, posgraduada e continuada dos profesionais, así como o cumprimento dos acordos e obxectivos específicos adquiridos coa colaboración, entre os que destacan: a formación do alumnado das especialidades das Ciencias da Saúde e o obxectivo conxunto de acadar uns mellores profesionais sanitarios e a máxima calidade asistencial para a poboación.

Data de actualización: 17/06/2024