A Xunta publica no DOG a aprobación do proxecto de reforma do cruzamento de Setados na PO-400, no concello das Neves

Autorízanse as expropiacións para actuar na intersección situada no quilométrico 9+980 desta vía autonómica, punto de acceso principal a esta parroquia do municipio pontevedrés

Esta actuación dispón dun investimento superior aos 460.000 euros e permitirá aumentar a visibilidade e reforzar a seguridade viaria nos movementos de tráfico deste cruce

Para iso desprazarase uns 55 metros a intersección ata o punto quilométrico 10+035, co fin de ampliar a calzada e dar cabida aos carrís de xiro e aos de acceso, asegurando a visibilidade dos vehículos que entran e saen da parroquia

A previsión é convocar as expropiacións no segundo semestre deste ano, co obxectivo de licitar e executar as obras no 2025

Santiago de Compostela, 17 de xuño de 2024

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe o acordo da aprobación do proxecto de reforma do cruzamento de Setados na estrada PO-400, no concello das Neves.

O investimento que o Goberno galego destinará á actuación na intersección situada no quilométrico 9+980 desta vía autonómica, punto de acceso principal á parroquia de Setados, superará os 460.000 euros.

A aprobación definitiva da actualización deste proxecto construtivo leva tamén aparellada a declaración de utilidade pública, pola que se dispón a urxente ocupación dos 8 predios necesarios para executar esta intervención. No seguinte enlace ao DOG pode consultarse a información:

https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2024/20240617/AnuncioG0181-110624-0002_es.html

A actuación ten como obxectivo mellorar as condicións dese cruzamento de Setados, co fin de aumentar a visibilidade e reforzar a seguridade viaria nos movementos de tráfico. Isto permite acometer unha intervención máis ampla, tras terse executado hai uns anos pequenas actuacións destinadas a mellorar a contorna.

En concreto, a actuación consistirá na substitución da intersección actual por unha con carrís centrais de espera (aceleración e deceleración), que permita realizar manobras cun maior grao de seguridade.

O cruzamento actual da PO-400 coa vía municipal que conecta cos núcleos da Laxe e da Igrexa presenta na actualidade problemas de visibilidade, está moi próximo a unha vivenda e hai un cambio de rasante próximo.

Tendo en conta iso, a actuación que a Xunta se propón executar supón desprazar a intersección ata o punto quilométrico 10+035, é dicir, uns 55 metros. 

Iso fai posible ampliar a calzada para dar cabida aos carrís de xiro e aos de acceso, asegurando a visibilidade dos vehículos que entran e saen da parroquia de Setados.

Ademais desa ampliación da calzada da PO-400 e do desprazamento do cruzamento, a intervención deseñada inclúe o desvío para conectar a vía municipal coa estrada autonómica de forma segura.

A intervención de mellora da intersección inclúe alumeado público, ampliando a rede existente na travesía da PO-400 ata a zona de intersección.

A Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas realizará a convocatoria dos actos expropiatorios no 2º semestre deste ano, para poder licitar, a continuación, as obras, e inicialas no segundo trimestre de 2025. O prazo de execución dos traballos é de 4 meses.

O Goberno galego continúa mellorando a rede viaria autonómica para reforzar a seguridade viaria e a comodidade dos usuarios, así como para impulsar unha mobilidade máis sostible.

Documentos relacionados

Data de actualización: 17/06/2024