A Xunta aborda coas federacións de transportes de viaxeiros por estrada os retos en materia de mobilidade para ofrecer un servizo de calidade

O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, reunise xunto á directora xeral de Mobilidade, Judit Fontela, a representantes de Anetra-Galicia, Fegabus, Fegatravi e Transgacar

As catro asociacións recibiron información sobre os obxectivos a curto e medio prazo da Xunta no que se refire ás competencias no transporte regular de uso xeral e especial de escolares, así como do transporte adaptado 065

Santiago de Compostela, 17 de xuño de 2024

O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, recibiu hoxe a representantes das principais federacións de transportes de viaxeiros por estrada nunha primeira toma de contacto para abordar os obxectivos a curto e medio prazo, tras a integración nas competencias desta consellería en materia de mobilidade. Isto é, tanto o transporte regular de uso xeral, o transporte escolar e o transporte adaptado do Servizo Galego de Apoio á Mobilidade, 065. 

Ao encontro asistiron representantes da Asociación Nacional de Empresarios de Autocares (Anetra-Galicia), a Federación Galega de Servizos de Transporte de Autobús (Fegabus), a Federación Galega de Transportes de Viaxeiros (Fegatravi)  e a Federación Galega de Asociacións de Viaxeiros en Autocar (Transgacar). 

Diego Calvo destacou a importancia de manter un diálogo continuado e fluído coas asociacións de transportistas para coñecer a situación do sector e as súas demandas co obxectivo de ofrecer á cidadanía un transporte público de Galicia de calidade. 

Nesta liña, o conselleiro de Presidencia lembrou que a Xunta está a traballar na Estratexia Galega de Mobilidade, a folla de ruta a seguir ata 2050 para garantir desprazamentos máis sostibles promovendo o transporte público e a intermodalidade. Un dos instrumentos aliñados con esta estratexia é o Plan de Transporte Público de Galicia, impulsado polo Goberno galego como ferramenta de planificación e seguimento, que levou o autobús regular a zonas onde non o había.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 17/06/2024