O concello de Valga rehabilitará o lavadoiro do Carballiño e reformará o tellado do local social de Ferreirós co apoio da Xunta

As obras serán posibles grazas a dúas subvencións por importe de máis de 35.000 € concedidas ao municipio ao abeiro das achegas a concellos para desenvolver accións de corrección de impactos paisaxísticos en edificios municipais e outros equipamentos

O ano pasado estas  axudas permitiron mellorar a cuberta da Casa do Concello

O delegado territorial destacou a importancia de colaborar coas administracións locais para conseguir unha Galicia máis atractiva para os veciños e os visitantes e asegurou que a Xunta seguirá apostando polo fermosismo

Valga (Pontevedra), 17 de xuño de 2024

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, visitou esta mañá o concello de Valga, que recibiu dúas subvencións por un importe de máis de 35.000 euros ao abeiro das axudas para actuacións de corrección de impactos paisaxísticos da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático. 

O representante do Executivo autonómico, que estivo acompañado polo alcalde, José María Bello, detallou que a achega permitirá restaurar o lavadoiro do Carballiño e mellorar o tellado do local social de Ferreirós, dúas actuacións coas que espera mellorar a paisaxe da contorna. 

O delegado territorial tamén tivo a oportunidade de comprobar o resultado das obras realizadas ao abeiro da convocatoria destas axudas do pasado 2023 na Casa do Concello de Valga, onde se mellorou a cuberta exterior do edificio. 

Cabe destacar que as accións subvencionables inclúen por un lado, a renovación e remate exterior de fachadas, cubertas e muros de cerramento de edificios municipais así como a mellora do aspecto e conservación de elementos etnográficos como fontes, lavadoiros, palcos de música e hórreos e doutro tipo de equipamentos públicos.

O delegado territorial aproveitou a visita para lembrar a necesidade de “seguir colaborando cos concellos para conseguir unha Galicia máis atractiva para os veciños e os visitantes”. Nesta liña, Reguera asegurou que a Xunta está “decidida a facer do fermosismo unha realidade en cada Concello”. 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 17/06/2024