O director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, participa na presentación da vixésima edición

O Curso de Medios Audiovisuais de Celanova cumpre 20 anos de formación e reflexión para o sector co apoio da Xunta

Organizado pola Fundación Carlos Casares co patrocinio da Axencia Galega das Industrias Culturais, desenvolverase do 24 ao 28 de xuño en Celanova

O programa analizará o cinema actual a través dos equipos técnicos de filmes como ‘+Cuñados’, ‘As neves’ ou ‘Tratamos demasiado bien a las mujeres’

A matrícula para participar permanecerá aberta ata este xoves 20 de xuño

Ourense, 17 de xuño de 2024

A Xunta de Galicia apoia a celebración da vixésima edición do Curso de Medios Audiovisuais de Celanova (CeMAC), organizado pola Fundación Carlos Casares dentro da oferta formativa de Extensión Universitaria da Universidade de Vigo. A entidade, que leva dende o ano 2004 convocando cada verán na vila ourensá a profesionais do sector audiovisual para que analicen polo miúdo o seu labor xunto co alumnado participante, presentou esta mañá as liñas de traballo para a nova cita, que se desenvolverá do luns 24 ao venres 28 de xuño no Auditorio Municipal Ilduara.

Á presentación, celebrada no Centro Cultural Marcos Valcárcel de Ourense, asistiu o director Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, que acompañou a Paulino Pérez Feijoo, codirector do curso, e os representantes das entidades e institucións implicadas.

Sutil felicitou á Fundación Carlos Casares e á Universidade de Vigo “por estes 20 anos dun curso de verán que foi o primeiro en activar un modelo formativo no que os nosos autores audiovisuais lle amosan ao alumnado o proceso creativo das súas obras” e destacou que nesta edición se vai facer analizando o sector do cine e o audiovisual a través do equipo técnico de filmes como +Cuñados, As neves, Tratamos demasiado bien a las mujeres, todos eles apoiados desde a Xunta a través das distintas liñas de estímulo á produción audiovisual propia ou da atracción de rodaxes.

O representante de Industrias Culturais engadiu que o taller do curso funciona tamén como “unha importante ferramenta práctica que ten como resultando unha morea de curtametraxes, nalgún caso a cargo de xoves creadores que hoxe están incorporados xa ao sector”. Afondando na creación de novas vocacións e novos públicos, lembrou tamén outra das colaboracións coa Universidade de Vigo no eido do audiovisual a través do apoio ao programa anual AUGAL, que rematou xa a súa 13ª edición e que se integra na actividade formativa da Facultade de Comunicación, procurando afondar nos procesos creativos e técnicos do cinema e a televisión, co foco posto na máis recente produción galega e co obxectivo de ilusionar o alumnado que quere formar parte do sector.

Industria, cultura e identidade

Baixo o título 20 anos co cinema galego. Industria, cultura, identidade, os directores do Curso, Paulino Pérez Feijoo e Miguel Anxo Fernández, da Universidade de Vigo, convocaron para esta edición diversos perfís profesionais, artísticos e técnicos que analizarán filmes de estrea recente.

En concreto, para falar de +Cuñados, acudirán os actores Federico Pérez e Xosé Touriñán; o director de fotografía, Sergio Franco; o responsable da banda sonora orixinal, Santi Jul; o produtor executivo, Alfonso Blanco; e o director de produción, Javi Lopa.

Por parte do equipo de As neves participarán a directora e guionista, Sonia Méndez; a directora de produción, Silvia Fuentes; a produtora, Nati Juncal; a figurinista e xefa de vestiario, María Porto; e a xefa de maquillaxe e peiteado, Sonia García.

 O filme Tratamos demasiado bien a las mujeres, será analizado coa axuda do seu guionista, Miguel Barros; a produtora, Mamen Quintas; o escenógrafo, Elía Robles; o director de arte, Diego Cabana; o supervisor de postprodución, Fernando Alfonsín; o colorista Alfonso Merino; a deseñadora de vestiario, Sara Barcia; e a script, Mónica Alonso.

Ademais dos filmes, haberá espazo para unha máster class sobre road movies, impartida por José Manuel López, e abordaranse tamén as curtas Nena, de Xosé Touriñán e Jairo Iglesias; O frío, de Pablo Dopazo; Habitar, de Anxos Fazáns; Nai, de Tito Refoxo; e Betas, de Alberto Senín, todas con recoñecementos en distintos festivais. Así mesmo, está programada unha mesa sectorial coa participación de diversos axentes do sector e a presentación da webserie Dúas señoras, das directoras Uxía Soutullo e Luján Monteiro, a produción do último taller audiovisual Celanova, plató de ficción.

Actividades complementarias

Ademais de repasar a realidade do audiovisual galego e español, o ceMAc 2024 tamén analizará a figura de Carlos Velo, cuxa Fundación é a única de finalidade audiovisual en toda España. Organizarse unha ruta cultural polo Concello de Celanova e no Auditorio Municipal Ilduara instalarase unha pequena mostra fotográfica dos 20 anos de traxectoria do curso, nos que se rexistraron máis de 1.000 matrículas, teñen participado preto de 400 profesionais e docentes e lévanse proxectado máis dun centenar de filmes e pezas audiovisuais.

A matrícula pode formalizarse na plataforma Campus Activo da Universidade de Vigo ata o día 20 de xuño ou ata que acaben as prazas dispoñibles. O prezo é de 19 euros para as persoas vinculadas á devandita universidade e 30 euros para o resto da cidadanía. Ademais, quen o precise, pode optar a transporte e albergue gratuítos.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 17/06/2024