Belén do Campo participa no reparto de froitas do Fondo Galego de Garantía Agraria no Banco de Alimentos Rías Altas para repartir entre entidades benéficas da Coruña e Santiago

A delegada explicou que nesta quenda distribuiranse 12.000 quilos de paraguaia, platerina e melocotón procedentes da rexión de Murcia e  3.600 quilos de nectarina procedentes do Goberno de Navarra

Arteixo (A Coruña), 17 de xuño de 2024

A delegada da Xunta na Coruña, Belén do Campo, trasladouse esta mañá ao Banco de Alimentos Rías Altas da Coruña para participar no reparto de froitas do Fondo Galego de Garantía Agraria (Fogga), dependente da Consellería do Medio Rural da Xunta de Galicia. O Banco de Alimentos Rías Altas repartirá esta mercadoría recibida entre 54 entidades benéficas da Coruña e o Banco de alimentos de Santiago de Compostela entre 38 entidades.

A delegada explicou que nesta quenda distribuiranse 12.000 quilos de paraguaio, platerina e melocotón procedentes da rexión de Murcia da organización de productores Frutas Esther e 3.600 quilos de nectarina procedentes do Goberno de Navarra da organización de productores A.N.S Coop. Belén do Campo relatou que a retirada de froitas e hortalizas é unha medida de intervención de mercados para reducir a oferta e manter os prezos das froita e hortalizas.

Co obxecto de reducir o impacto nas rendas dos agricultores a política agraria común (PAC) dispón de instrumentos como a organización común de mercados agrícolas (OCMA) que, no sector de froitas e hortalizas, contempla axudas á retirada de produtos polas organizacións de produtores. Esta iniciativa lévase a cabo a través das Organizacións de Produtores de Froitas e Hortalizas de España (OPFH) e destínanse a organizacións que favorecen a inclusión social, que á súa vez son as encargadas de distribuílas entre as súas entidades asociadas. 

As organizacións de produtores (OPFH) inclúen estas medidas dentro dun programa operativo e son as encargadas de realizar as devanditas retiradas, asegurando que os produtos cumpran coas normas de comercialización ou cos requisitos mínimos de calidade. En España hai ao redor de 600 organizacións de produtores nas diferentes comunidades autónomas.

O destino desta produción é a distribución gratuíta a través dunha rede de centros benéficos autorizados polo Fondo Galego de Garantía Agraria no seu ámbito territorial e vinculados ás organizacións caritativas, que son entidades recoñecidas para desenvolver as súas actividades a favor de persoas necesitadas.

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 17/06/2024