A Xunta publica a licitación dos servizos de cafetería dos centros hospitalarios da Coruña por un importe de máis de 10,5 millóns de euros
O portal de Contratos Públicos de Galicia anuncia hoxe a saída a concurso das cafeterías do Hospital Público da Coruña, o Hospital Marítimo de Oza, o Hospital Abente y Lago e o Centro de Especialidades do Ventorrillo
O contrato contará cunha duración de catro anos, coa posibilidade de ser ampliado noutro ano máis
As empresas interesadas neste contrato de servizo teñen de prazo ata o 16 de xullo para presentar as súas ofertas
Santiago de Compostela, 17 de xuño de 2024
A Xunta, a través do Servizo Galego de Saúde, vén de publicar no Portal de Contratos Públicos de Galicia o anuncio de licitación dos servizos de cafetería do Hospital Público da Coruña, do Hospital Marítimo de Oza, do Hospital Abente y Lago e do Centro de Especialidades do Ventorrillo por un valor estimado de 10.567.508 euros.
O contrato de servizo prevé unha duración de catro anos, coa posibilidade de prorrogarse durante un ano máis.
A razón deste expediente é satisfacer a prestación dos servizos de cafetería-comedor para o persoal destes centros, os seus usuarios, familiares e acompañantes dos pacientes que reciban asistencia nestas instalacións sanitarias.
As empresas interesadas en participar neste contrato de servizo poderán presentar as súas ofertas de xeito telemático na seguinte ligazón electrónica: Silex (conselleriadefacenda.es). O prazo para a achegar as ofertas estenderase até o vindeiro 16 de xullo ás 14,00 horas.
Co obxectivo de facilitar a elaboración das súas propostas, os interesados poderán visitar os locais e espazos obxecto da contratación, solicitándoo previamente mediante correo electrónico ao Servizo de Contratación da Área Sanitaria da Coruña e Cee: contratacion.asacec@sergas.es .