Medio Rural enxalza a importancia do distintivo Artesanía Alimentaria, que xa aúna a 103 empresas e 116 produtores

A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, acompañada polo director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, Martín Alemparte, fixo hoxe entrega da Carta Artesá á empresa Lenatt Food, que elabora cremas artesanais de froitos secos

Gómez explicou que este recoñecemento protexe “a calidade alimentaria”, coa que se procura promover e velar polas producións e elaboracións “que definen a nosa cultura agroalimentaria”

Afirmou tamén que esta é unha das prioridades do Goberno autonómico de cara a esta nova lexislatura, cun apoio que se materializará coa creación do Consello Alimentario de Galicia e o Consello Galego da Artesanía Alimentaria ou coa posta en marcha dunha central de compras

Cambre (A Coruña), 15 de xuño de 2024

A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, acompañada polo director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, Martín Alemparte, fixo hoxe entrega da Carta Artesá á empresa Lenatt Food, que elabora cremas artesanais de froitos secos, e que a partir de agora poderá comercializar os seus produtos co distintivo de Artesanía Alimentaria. O acto tivo lugar no obradoiro desta entidade, situado no concello coruñés de Cambre.

Alí, a conselleira explicou que este recoñecemento “protexe a calidade alimentaria”, coa que se procura promover e velar polas producións e elaboracións “que definen a nosa cultura agroalimentaria”. De seguido sinalou que, coa incorporación de Lenatt, á que lle augurou moita sorte no sector, xa son 103 as empresas adheridas a Artesanía Alimentaria e 116 as persoas inscritas neste distintivo.

A titular de Medio Rural afirmou que a calidade alimentaria é unha das prioridades do Goberno autonómico de cara a esta nova lexislatura. Mostra deste apoio, explicou Gómez, son as 38 experiencias de calidade impulsadas pola Xunta. Ademais, lembrou que a Lei da calidade alimentaria contempla a creación de dous órganos, como son o Consello Alimentario de Galicia e o Consello Galego da Artesanía Alimentaria, que completarán o seu obxectivo e que se desenvolverán ao longo da lexislatura.

Seguindo esta liña, a conselleira salientou que se organizarán sete grandes feiras de promoción en cada unha das sete cidades galegas e se porá en marcha unha liña de achegas específicas para incentivar o consumo de produtos amparados polos diferentes distintivos de calidade diferenciada. Tamén se desenvolverá unha central de compras que xa se atopa en fase piloto, para axudar aos produtores na comercialización, co fin de “seguir apostando por un sector que conforma e define a nosa identidade”.

O selo de Artesanía Alimentaria

O Goberno autonómico foi pioneiro na regulación dunha marca como Artesanía Alimentaria, que actualmente conta con 14 normas técnicas vixentes, que inclúen produtos como os derivados lácteos, o mel ou as conservas vexetais, entre outros. Ao longo deste ano aprobaranse outras 12 novas normas técnicas, pasando das actuais 14 a 26. Dentro deste novo lote inclúense elaboracións como os zumes, o vermú, ou a hidromel. Incluso se engadirán comidas preparadas e derivados da helicicultura -produtos derivados dos caracois-, ampliando aínda máis o actual catálogo de produtos artesanais recoñecidos

Ademais, de cara a finais deste ano, María José Gómez lembrou que se organizarán xornadas técnicas para difundir este selo e “animar aos produtores a que formen parte del” e levarase a cabo unha campaña de promoción específica.

Artesanía Alimentaria naceu no ano 2020 baixo un triplo obxectivo, co fin de deseñar un sector estruturado en concordancia cos requisitos establecidos pola Unión Europea. Tamén co fin de protexer o bo facer dos artesáns, defendendo a súa profesión ante etiquetaxes enganosos e co fin de conservar e preservar as elaboracións de produtos artesanais tradicionais.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 15/06/2024