O presidente da Xunta participou no XVI encontro do Colexio Oficial de Médicos da Coruña

Rueda afirma o compromiso do Goberno galego coa sanidade pública e coa busca dos mellores profesionais

Destaca a importancia do diálogo entre goberno e colexios médicos para seguir mantendo unha “magnífica sanidade pública

A Coruña, 15 de xuño 2024

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, afirmou hoxe o compromiso do Goberno galego coa sanidade pública e cos busca dos mellores equipos de profesionais para o sector.

Así o explicou esta mañá durante a súa participación no XVI encontro do Colexio Oficial de Médicos da Coruña, onde agradeceu o traballo dos facultativos, aos que cualificou como piar fundamental do sistema sanitario. No acto estivo acompañado polo conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño.

No acto, Rueda destacou a importancia do diálogo entre os colexios médicos e o Goberno galego que é “imprescindible” para seguir mantendo e mellorando unha sanidade pública “magnífica e para presumir”.

Para garantir a calidade asistencial en toda Galicia, o goberno Galego está poñendo en marcha unha serie de medidas. Entre elas, como xa se anunciou, permitirase aos MIR de último ano que pasen consulta con supervisión, de forma voluntaria e incentivada, cumprindo o establecido no seu plan formativo, tal e como avalou o Ministerio de Sanidade.

Por último, Rueda agradeceu a todo o persoal sanitario a súa implicación e avogou por seguir colaborando e dialogando cos colexios oficiais de médicos para afrontar xuntos os retos de futuro.

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 15/06/2024