Será o sexto vehículo renovado no parque móbil da Axencia desde o ano 2018

A Axencia de Doazón de Órganos e Sangue aposta pola mellora no servizo á cidadanía coa licitación dunha nova unidade móbil para a área sanitaria de Lugo

O orzamento de licitación ascende a 500.000 € 

Para ofrecer aos doantes as mellores condicións de seguridade e comodidade, no ano 2018 iniciouse a posta ao día da flota dos vehículos

Ata o momento renováronse 5 unidades móbiles, cun investimento global de 1.565.362 €

Santiago de Compostela, 16 de xuño de 2024

A Axencia de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS) publicou, no perfil do contratante da Consellería de Sanidade, a licitación dunha nova unidade móbil que prestará servizo na área sanitaria de Lugo. 

O vehículo, que será a sexta unidade móbil renovada desde o ano 2018 en ADOS, conta cun orzamento de licitación de 500.000€ e forma parte do programa de melloras que a Consellería de Sanidade, por medio da Axencia, está a desenvolver co obxectivo de optimizar a calidade no servizo e atención aos doantes.

Desde a creación da axencia fíxose un importante esforzo económico para renovar e manter axeitadamente o seu parque móbil, incorporándose ata o momento 5 novas Unidades Móbiles, cun investimento total de 1.565.362 € que foron destinadas a Pontevedra,  Santiago de Compostela, Vigo, A Coruña e Ourense.

Autonomía e comodidade

A nova unidade móbil da Axencia terá unhas dimensión de 12,2 metros de lonxitude, 3,45m de altura e estará dividida en tres espazos diferenciados: unha área de recoñecemento médico, unha sala de doazón con capacidade para catro padiolas e unha área de refrixerio. Ademais, disporá de subministro eléctrico autónomo e sistema de climatización, así como a máis moderna tecnoloxía que garanta a máxima seguridade e confort para que a cidadanía poida realizar a súa doazón de sangue.

A Consellería de Sanidade e ADOS salientan a importancia na mellora do parque móbil da Axencia, que xa renovou en menos de 6 anos máis da metade das dez unidades que prestan servizo en Galicia diariamente.  Neste sentido, lembrar que, aproximadamente o 85% das 103.525 doazóns que se recolleron o pasado ano en Galicia, rexistráronse nestes vehículos.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 16/06/2024