A directora xeral de Promoción da Igualdade, María Quintiana, acompañada da delegada territorial da Administración autonómica en Ferrol, Martina Aneiros, deu a coñecer hoxe o funcionamento e actividades que se desenvolverán desde este espazo

A Xunta abre un espazo de conciliación e igualdade durante o campionato Gadis Longboard Festival, proba oficial da Liga mundial de surf profesional

Está dirixido á rapaza de 4 a 16 anos de idade, que poderá participar en obradoiros ambientais, xogos cooperativos e bautismos de surf

Ferrol, 14 de xuño de 2024

A directora xeral de Promoción da Igualdade, María Quintiana, destacou hoxe que o campionato Gadis Longboard Festival, proba oficial da Liga Mundial de Surf Profesional (WSL) que se disputa esta fin de semana na praia da Fragata, conta cun espazo de conciliación e igualdade para concienciar no deporte inclusivo, igualitario e respectuoso coa contorna natural a nenas, nenos e adolescentes. Desde este espazo, situado na pequena cidade do surf das Cabazas-Cobas, organizaranse obradoiros de reciclaxe ambiental, limpeza de cabichas nos areais, patinaxe e bautismos de surf.

“Crear espazos de conciliación coma este, baseados na educación en igualdade, na concienciación e no deporte activo, son claves para que as novas xeracións crezan cos valores da igualdade e da riqueza da diversidade, e que sexan conscientes de que todas e todos somos iguais”, destacou María Quintiana durante o acto de presentación deste campionato de surf, no que estivo acompañada da delegada territorial da Xunta de Galicia en Ferrol, Martina Aneiros. Ademais salientou que a Xunta de Galicia leva moitos anos colaborando con concellos, entidades de iniciativa social, ANPAS, nos eidos cultural e deportivo, entre outros, para que cada vez sexan máis as actividades de conciliación que se lle ofrezan ás familias galegas.

O espazo de conciliación ponse en servizo a través do Plan Corresponsables e está dirixido para rapazada de entre os 4 e os 16 anos de idade. Ademais, será de balde os días de competición, de venres a domingo en horario de 10 a 14 horas e de 16 a 20 horas e non é necesaria inscrición previa para desfrutar deste recurso de conciliación. As familias só deberán anotar aos nenos e nenas, proporcionar información de contacto e seguir as instrucións dos monitores.

A rapazada que se anote neste espazo desfrutará da competición en primeira fila, aprenderá a deslizarse pola pista skate, participará dos obradoiros ambientais, xogos cooperativos e de bautismos de surf para iniciarse na práctica desta disciplina.

Espazos de conciliación en todas as competicións

A proba que se disputa estes días en Ferrol será o arranque da tempada nas nosas costas e a primeira das tres competicións que a Liga Mundial de Surf Profesional (World Surf League) vai desenvolver este verán 2024 en augas galegas xunto co Abanca Pantinclassic Galicia Pro (do 24 ao 1 de setembro) e o Cabreiroá Junior Razo Pro (do 24 ao 28 de setembro).

Os espazos de conciliación e igualdade en colaboración coa Xunta de Galicia terán presenza en ambas as dúas probas galegas cun horario amplo, como vén sendo habitual desde o ano 2022, e serán acordes aos tempos da competición, e un programa de actividades acaído a contorna natural, con xogos cooperativos e deporte ao aire libre.

No caso do Abanca Pantinclassic, a maiores, a colaboración coa Consellería de Política Social e Igualdade estenderase á Dirección Xeral de Loita contra a Violencia de Xénero e, como en ano anteriores, ofrecerase un programa de Experiencias para mulleres e nenos en situación de especial vulnerabilidade en Casa de Acollida da rede autonómica galega, cun programa deseñado especificamente para elas -e os fillos e fillas menores- con encaixe no programa do evento que se vai desenvolver a finais de verán na praia de Valdoviño.

 

 

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 14/06/2024