A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, presentou a décima edición deste programa no balneario Baños de Brea en Vila de Cruces

A Xunta abrirá o vindeiro martes o prazo para solicitar estadías no programa Benestar en Balnearios

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica este luns a nova convocatoria que contará con máis de 1.230 prazas en 15 establecementos de toda a Comunidade

Como novidade, este ano ofertaranse tamén estadías durante o verán, de maneira que os maiores poderán contar con oferta de xullo a decembro

Vila de Cruces (Pontevedra), 15 de xuño de 2024

A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, presentou esta mañá a décima edición do programa Benestar en Balnearios, que ofrece estadías en 15 establecementos da nosa Comunidade para persoas maiores de 60 anos. O Diario Oficial de Galicia (DOG) publicará o luns esta nova convocatoria, de maneira que o prazo para presentar as solicitudes abrirá o vindeiro martes e permanecerá aberto durante un mes. 

A conselleira explicou que o Goberno galego continúa a mellorar esta iniciativa tan valorada polas persoas maiores, ao permitirlles manter unha vida activa e coidarse a elas mesmas. Por iso, este ano increméntanse as prazas ofertadas ata superar as 1.230 e tamén se aumentan as quendas aos meses de verán, de maneira que aquelas persoas que así o desexen poidan desfrutar deste programa desde o mes de xullo a decembro. 

Fabiola García recordou que a Xunta procura dar resposta ás novas necesidades e preferencias das persoas maiores que desexan vivir unha xubilación chea de actividades. Neste sentido, sinalou que o Goberno galego conta con aulas sénior e con convenios coas tres universidades para aquelas persoas que queiran seguirse formando; e tamén se impulsou este ano o Carné +65, que permite ofrecer descontos, vantaxes e viaxes para desfrutar desta nova etapa. 

Programa Benestar en Balnearios

O programa Benestar en Balnearios está destinado a persoas maiores de 60 anos. Ofértanse estadías de 10 días en réxime de pensións completa en 15 establecementos de toda a Comunidade. O Goberno galego destina a esta convocatoria un 9% máis que na pasada edición, isto é, un orzamento de 300.000 euros. 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 15/06/2024