A Xunta abre o prazo para que as empresas turísticas soliciten as novas axudas de eficiencia enerxética

Desde hoxe e ata o 14 de novembro, establecementos de aloxamento e restauración, poden presentar as súas solicitudes da convocatoria dotada de 10M€ 

Sufráganse, entre outras, a fotovoltaica e compra de electrodomésticos eficientes

Santiago de Compostela, 15 de xuño de 2024

O Diario Oficial de Galicia vén de publicar a convocatoria da nova liña de subvencións posta en marcha por Turismo de Galicia para reforzar as medidas de eficiencia enerxética nas empresas turísticas galegas cun investimento de 10M€. Financiada con fondos europeos, o prazo está aberto desde hoxe sábado 15 de xuño ata o 14 de novembro e poden acceder os establecementos de aloxamento e, como novidade, tamén os de restauración.

Como se indica no DOG, é de concorrencia non competitiva. Como norma xeral, a intensidade da axuda será de ata un 70% do custo total subvencionable do proxecto, aínda que poderá chegar ao 80% ou 90% no caso de que se acrediten aforros de enerxía primaria non renovable dun 20 ou 30%. Esta liña de axudas sufragará, entre outras accións, a mellora da eficiencia enerxética da envolvente térmica coa intención de reducir a demanda en calefacción e climatización de edicicios completos, locais ou partes do edificio destinado ao establecemento turístico.

Tamén a mellora da eficiencia enerxética e de enerxías renovables nas instalacións térmicas, con accións como a substitución de enerxía convencional por enerxía solar térmica, enerxía xeotérmica ou biomasa nas instalacións térmicas, entre outras. Se inclúe a subvención para instalacións fotovoltaicas para autoconsumo así como mellora da eficiencia enerxética das instalacións de iluminación, coa instalación de luminarias de maior rendemento e lámpadas de maior eficiencia, sistemas de control por presenza, recolocación dos puntos de luz, entre outras. Tamén cubrirá a renovación de electrodomésticos con clases enerxéticas máis eficientes. Tamén poderán sufragarse sistemas de automatización e control da enerxía. Os gastos subvencionables deberán estar realizados antes de abril de 2025.

Con esta convocatoria a Xunta de Galicia busca a modernización e mellora da competitividade do sector turístico galego e dá continuidade á liña de axudas lanzada o ano pasado por 7M€ aínda que flexibiliza e mellora as condicións para poder facilitar a entrada de máis empresas.  Deste xeito, inclúe, entre as novidades, que os establecementos de restauración poidan ser posibles beneficiarios, sufrágase a rehabilitación enerxética de todo o edificio ou dunha parte (na anterior eran edificios completos), non se pide antigüidade mínima dos edificios a rehabilitar e non hai unha esixencia mínima de aforro enerxético, entre outras.

Data de actualización: 15/06/2024