A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, asistiu hoxe á Asemblea Xeral Ordinaria da Asociación Provincial de Empresarios da Primeira Transformación da Madeira de Lugo (LugoMadera)

Lorenzana destaca o compromiso da Xunta por incrementar a competitividade do sector forestal-madeira

Apunta que o plan director do sector que se prevé que estea aprobado a finais deste ano aborda os principais retos desta industria

Sinala que a Lei de promoción dos beneficios sociais e económicos dos proxectos que utilizan os recursos naturais de Galicia, que se debate no Pleno da vindeira semana, regula o mercado voluntario de créditos de carbono

Castro de Rei (Lugo), 14 de xuño de 2024

A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, ratificou hoxe o compromiso da Xunta por incrementar a competitividade do sector forestal-madeira afianzando a colaboración público-privada e co obxectivo de pechar o ciclo de produción en Galicia. “O Goberno de Galicia continúa apostando firmemente polo sector forestal e o madeireiro -dixo-. A Axencia Galega da Industria Forestal (Xera) cambiou de consellería pero os retos son os mesmos e o compromiso é o mesmo”.

Lorenzana apuntou que a cadea de valor forestal-madeira representa preto do 12 por cento do emprego industrial de Galicia, que é a novena potencia forestal europea e lidera o sector a nivel nacional. Segundo os últimos datos, esta industria acadou unha facturación conxunta no ano 2022 que foi a máis elevada desde que hai rexistros: preto de 2.700M€. Abrangue 3.000 empresas distribuídas por toda a xeografía galega, de feito, en máis dunha vintena de comarcas esta industria está entre os tres primeiros sectores industriais por emprego xerado.

A conselleira, que estivo acompañada polo delegado da Xunta de Lugo, Javier Arias, avogou pola colaboración e pola innovación para afrontar retos como a globalización dos mercados, a dixitalización dos procesos e a necesidade da sustentabilidade ambiental. Retos, engadiu, que aborda o plan director do sector forestal-madeira que está elaborando a Xunta de Galicia coa previsión de que estea aprobado a finais deste ano, apuntou.

En relación á Axencia Galega da Industria Forestal (Xera), sinalou que se reforzaron as súas competencias, en primeiro lugar, para mellorar a coordinación dos centros de investigación en materia forestal. Deste xeito, incorpora o Centro de Investigacións Forestais de Lourizán, que se suma ao CIS-Madeira (San Cibrao das Viñas, Ourense), xa integrado. Tamén se referiu á nova Área de Información Forestal, que será a encargada da creación e mellora de sistemas de información e estatística forestal de Galicia, “un punto de partida básico para tomar calquera tipo de decisión respecto das políticas públicas que levemos a cabo e das decisións empresariais”, observou.

Segundo explicou, esta nova área da Xera vai traballar no mercado voluntario de créditos de carbono regulado xa na Lei de promoción dos beneficios sociais e económicos dos proxectos que utilizan os recursos naturais de Galicia, que se debate no Pleno da vindeira semana. Unha lexislación única e de referencia, apuntou, que inclúe a creación dun mercado voluntario de créditos de carbono mediante créditos certificables que poden ser vendidos a través dunha plataforma de intercambio.

O sistema será interoperable con outros de ámbito estatal ou europeo, seguindo metodoloxías internacionais, e permitirá desenvolver proxectos e actividades que incrementen a absorción de carbono e a redución da emisión de gases de efecto invernadoiro. Isto contribuirá á protección do medio natural e ao desenvolvemento sustentable do noso territorio, no marco da estratexia de transición cara á neutralidade carbónica, abondou.

Lorenzana, concluíu aludindo á importancia da formación e da retención do talento, así como de seguir avanzando na protección da seguridade e saúde laboral do sector; un asunto, dixo,  ante o que Lugo Madera é un exemplo.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 14/06/2024