Galicia destaca en Bruxelas o Camiño de Santiago como exemplo de experiencia de raíces

O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, participou nunha reunión do Comité Europeo das Rexións na que se debateu como as experiencias “ancestrais” ou “de raíces” revitalizan os territorios europeos e promover un desenvolvemento local sostible

A Política Agraria Común e a recuperación da actividade agrícola en Gaza foron outros dos temas tratados

Bruxelas, 14 de xuño de 2024

O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, participou na última reunión da Comisión de Recursos Naturais (NAT) do Comité Europeo das Rexións (CdR), na que se abordou o turismo de raíces (tamén chamado turismo ancestral, nostálxico ou xenealóxico). Na xuntanza aprobouse un ditame que sinala o grande potencial destas experiencias para o desenvolvemento local e a revitalización dos territorios en declive demográfico, especialmente en zonas que, como Galicia, experimentaron emigracións significativas na súa historia e contan cunha grande comunidade na diáspora

Baseado la elección de destinos turísticos por motivos de identidade e pertenza a unha familia, cultura, relixión ou grupo humano, esta modalidade de turismo non só mobiliza a millóns de viaxantes cada ano, senón que ofrece un modelo alternativo ao turismo de masas, menos estacional e máis diversificado, sostible e respectuoso co patrimonio.

Na súa intervención, o director xeral destacou a bagaxe de Galicia en materia de xestión e promoción dun modelo turístico competitivo, sostible e que pon en valor o patrimonio e a identidade galegas, eixos que conforman a nova Estratexia de Turismo de Galicia para 2030 que a Xunta está a ultimar. Tamén destacou o grande potencial que a nosa comunidade ten á hora de desenvolver este turismo de raíces grazas á súa importante riqueza cultural.

Puxo como exemplo o  Camiño de Santiago, unha ruta que segue a rexistrar datos históricos cada ano nos rexistros de chegadas de peregrinos, cuadriplicándose o seu número nos últimos 30 anos. Gamallo destacou como a peregrinación a Santiago de Compostela medra fóra de tempada alta e como continúa a diversificarse a orixe dos peregrinos e a variedade de itinerarios elixidos. Na actualidade, constitúe un dos maiores exemplos a nivel mundial de congregación de viaxeiros por motivos de identidade e pertenza.

Política agrícola

Outro dos puntos destacados do orde do día foi a celebración dun debate sobre o futuro da Política Agrícola Común da UE, cuestión á que se lle dedicou un ditame cuxo borrador fora aprobado na anterior reunión de NAT. A necesidade de garantir o relevo xeracional do sector agrícola, dar un apoio económico máis eficaz aos agricultores e fortalecer o papel das rexións na gobernanza da Política Agrícola Común (PAC) foron algúns das cuestións aludidas durante este punto.

Por último, os membros de NAT reuníronse con representantes da Organización das Nacións Unidas para a Agricultura e a Alimentación (FAO) para estudar posibles vías de colaboración na súa iniciativa Food for Gaza

Galicia nas comisións CIVEX e NAT do Comité das Rexións

No actual mandato 2020- 2025 do Comité Europeo das Rexións, Galicia participa na Comisión de Recursos Naturais (NAT) e na Comisión de Cidadanía, Gobernanza e Asuntos Institucionais e Exteriores (CIVEX). A primeira elabora ditames en áreas como as políticas comúns de agricultura e pesca, o turismo ou a saúde pública. A Fundación Galicia Europa presta apoio á participación galega nesta asemblea de rexións e municipios.

Data de actualización: 14/06/2024