María José Gómez destaca as olimpíadas rurais de Friol como elemento de dinamización social

A conselleira do Medio Rural salientou a variedade de actividades e xogos tradicionais que se recuperan nas primeiras Olimpíadas Rurais de Galicia, así como a importancia destas para atraer poboación máis nova ou interesada na celebración á zona en época estival

Santiago de Compostela, 14 de xuño de 2024

A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, acompañada da directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Paz Rodríguez, participou hoxe na presentación da programación das primeiras Olimpíadas Rurais de Galicia que se celebrarán a fin de semana do 28, 29 e 30 de xuño no concello lucense de Friol. Durante o transcurso do acto puxo en valor este tipo de eventos que favorecen o dinamismo social e económico do rural.

A titular de Medio Rural destacou a implicación do Concello á hora de promover esta celebración, especialmente do alcalde, José Ángel Santos; así como a do propio promotor do evento, o Colectivo Hércules, unha asociación sen ánimo de lucro que fomenta e organiza actividades relacionadas coa práctica deportiva.

Gómez recordou tamén a importancia de preservar as tradicións e de desenvolver actividades de reclamo no medio rural. “Algunhas das probas que se celebrarán aquí son unha parte fundamental da nenez de moitos galegos e servirán para que os mozos que se acheguen poidan coñecer xogos tradicionais” mencionou a conselleira.

Nesta liña, apuntou o apoio do Goberno galego a este tipo de iniciativas que “xeran atractivo para o noso rural e favorecen que máis persoas desexen establecerse e traballar nel” e mostrou a súa confianza en que estas primeiras Olimpíadas Rurais de Galicia celebradas no concello de Friol destaquen no mapa nacional.

Os participantes serán un máximo de 24 equipos e todos deberán realizar unha serie de probas entre as que se atopan o lanzamento de lastro, a carreira de sacos e zancos, o salto á corda e o tiracroios. Para fomentar a magnitude da experiencia, na localidade sucederanse ademais concertos, charangas, animación e sorteos.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 14/06/2024