O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración e a conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas participaron na Semana da Administración Aberta

A Xunta abre á cidadanía a sede reformada de emigración e a Oficina Integral de Asesoramento e Seguimento de Retorno para o que se investiu 1,8 M€

José González puxo en valor na xornada de portas abertas as novas instalacións de Mazarelos para ofrecer mellores servizos ás persoas retornadas

Martínez Allegue subliñou a aposta pola eficiencia enerxética neste edificio, contribuíndo á redución do consumo de enerxía e a unha maior sustentabilidade

Destacou a substitución de carpinterías, a renovación da cuberta e a instalación de sistemas de climatización e ventilación eficientes, asegurando funcionalidade da sede

A Oficina de Asesoramento e Seguimento ao Retorno ten atendido, desde a súa creación en 2020, preto de 24.000 persoas e tramitado máis de 112.000 consultas

A oficina móbil, de apoio aos retornados en concellos rurais e vilas galegas, ofreceu os seus servizos a máis de 150 persoas en preto de 70 localidades en menos dun ano

Santiago de Compostela, 14 de xuño de 2024

A Xunta, no marco da Semana da Administración Aberta, mostrou hoxe á cidadanía a nova sede reformada da Secretaría Xeral da Emigración  e a Oficina Integral de Asesoramento e Seguimento de Retorno de Mazarelos, en Santiago de Compostela, unhas melloras nas que a Xunta investiu 1,8 millóns de euros.

O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, e a conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, puxeron hoxe en valor as novas instalacións nunha xornada de portas abertas nas que a cidadanía poido explorar os centros recentemente rehabilitados e coñecer de primeira man os servizos dispoñibles e que se veñen de mellorar.  Á cita tamén acudiron o secretario xeral técnico da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, Joaquín Macho, e o secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda.

Desde a súa creación en 2020, a Oficina de Asesoramento e Seguimento ao Retorno ten atendido preto de 24.000 persoas e tramitado máis de 112.000 consultas. Estas oficinas, situadas na Coruña, Lugo, Ourense, Vigo e Santiago de Compostela, ofrecen asesoramento xurídico, social, laboral e tributario, adaptándose ás necesidades dos retornados.

A oficina móbil, ademais, posta en marcha en novembro de 2023, permitiu ampliar a rede de apoio aos retornados, chegando a concellos rurais e vilas galegas. Ata o momento, a oficina móbil atendeu máis de 200 familias en preto de 70 localidades. Este servizo, cun investimento de 250.000 euros, reflicte o compromiso da Xunta de Galicia coas persoas retornadas, ofrecendo os mesmos servizos que nas sedes permanentes e cun seguimento personalizado desde as oficinas fixas.

"Queremos facerlles aos emigrantes que desexen retornar o mellor posible o seu camiño de volta," afirmou o conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración na súa intervención na xornada de portas abertas.

Galicia, segundo apuntou, é pioneira e de referencia nacional en materia de retorno, cunha nova Estratexia Galicia Retorna 2023-2026 que conta con 100 medidas e un orzamento de máis de 450 millóns de euros. Este programa facilita o rexuvenecemento da poboación, a atracción de riqueza e novas oportunidades empresariais e o incremento de man de obra cualificada.

Nova sede de Emigración

O conselleiro tamén se referiu na inauguración da nova sede da Secretaría Xeral de Emigración, que se rehabilitou para poder ofrecer mellores servizos e un ambiente acolledor para todos. Este proxecto de reforma, que contou cun investimento de 1,8 millóns de euros, soluciona problemas de illamento térmico e deterioros en fachadas e cubertas, garantindo un entorno máis confortable e seguro.

A planta baixa do edificio, anteriormente destinada a unha oficina de turismo, transformouse para acoller ao equipo que atende aos retornados, demostrando o compromiso da Xunta de Galicia coa emigración e cos galegos que volven a casa. Esta actuación contou coa cofinanciación da Unión Europea a través do programa operativo Feder Galicia 2014-2020.

Durante as obras, a Secretaría Xeral da Emigración foi trasladada temporalmente á rúa Basquiños 2, asegurando que os servizos non se visen interrompidos. Agora, a Oficina de Asesoramento e Seguimento ao Retorno sitúase no centro de Santiago, mellorando a accesibilidade e a integración coa Secretaría Xeral.

Aposta pola eficiencia enerxética

No que se refire á execución desta intervención, Martínez Allegue subliñou a aposta pola eficiencia enerxética, contribuíndo así á redución do consumo anual de enerxía no edificio e a acadar unha maior sustentabilidade.

Tamén destacou a substitución de carpinterías, a renovación da cuberta e a instalación de sistemas de climatización e ventilación máis eficientes, asegurando a durabilidade e funcionalidade do edificio.

A conselleira fixo fincapé no respecto da actuación polo valor patrimonial do edificio, acometendo unha rehabilitación acorde á relevancia histórica desta contorna. Neste sentido, compatibilizouse  a preservación da riqueza patrimonial coa modernización das instalacións.

Concluíu reafirmando o compromiso da Xunta coa mellora continua das infraestruturas públicas e o apoio decidido aos emigrantes e retornados.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 14/06/2024