A conselleira do Medio Rural visitou hoxe a instalación desta empresa avícola no concello lucense de Palas de Rei

A Xunta reafirma a súa aposta pola calidade, a innovación e a remuda xeracional no rural e pon como exemplo destes valores a granxa Campomayor

María José Gómez puxo en valor que esta empresa é o principal produtor de ovos de galiña en gaiola de Galicia 

Subliñou ademais que lle dá valor engadido a un produto básico na alimentación e, polo tanto, “fai que Galicia medre e se consolide como unha potencia alimentaria innovadora, sen perder de vista a calidade dos nosos produtos”

Palas de Rei (Lugo), 14 de xuño de 2024

A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, reafirmou hoxe a aposta da Xunta por valores como a calidade, a innovación e a remuda xeracional no ámbito agroalimentario. Puxo ademais como exemplo destes principios a Granxa Campomayor, empresa situada no concello lucense de Palas de Rei, que a titular de Medio Rural visitou nesta xornada.

O obxectivo desta visita foi, precisamente, valorar a importancia da aplicación do I+D+i no agro e na actividade das empresas do sector, caso desta compañía, referente en produción e innovación no eido avícola en Galicia e tamén en España. 

Nesta liña, a conselleira lembrou que o grupo Campomayor é o principal produtor de ovos de galiña en gaiola de Galicia, con máis de 470.000 prazas de poñedoras, o que supón máis do 46% do total da nosa comunidade. Ademais, salientou tamén que esta granxa “dálle valor engadido a un produto básico na nosa alimentación e, polo tanto, fai que Galicia medre e se consolide como unha potencia alimentaria innovadora, sen perder de vista a calidade que caracteriza os nosos produtos”.

Grupo empresarial pioneiro

Neste mesmo sentido, Gómez subliñou que este grupo empresarial foi pioneiro con iniciativas como poñer a data de consumo preferente no ovo e desenvolver ovos enriquecidos con omega-3. Asemade, no 2015 construíu a primeira planta en Galicia de ovo líquido pasteurizado e no 2017 introduciuse no mundo do ovo a baixa temperatura. Máis recentemente, creou Wovo, unha bebida feita con clara de ovo, resultado dun proxecto de colaboración con diferentes centros de investigación.

Por todo isto, a conselleira felicitou os responsables da empresa e recordou que a súa traxectoria foi recoñecida tanto polo propio Goberno galego -con máis de medio millón de euros no 2023 en axudas á transformación e comercialización- como polo Clúster Alimentario de Galicia, que lle concedeu un dos seus premios Galicia Alimentación a produto innovador precisamente pola súa gama Wovo.

A maiores, Gómez puxo en valor o carácter familiar desta granxa que, trasladou, é un exemplo de remuda xeracional, un aspecto polo que tamén aposta a Xunta. Así, engadiu a conselleira, o rural galego en xeral e o sector avícola en particular contan co apoio do Goberno galego a través de achegas de carácter transversal que, entre outros obxectivos, teñen o de fomentar a incorporación de persoas mozas, o uso eficiente dos recursos naturais ou a mellora das explotacións.

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 14/06/2024