A Xunta adxudica por máis de 2,3 M€ a execución das obras de acondicionamento e mellora da estrada autonómica LU-710 que conecta a N-VI coa A-6, en Baralla

Esta intervención permitirá o ensanche e mellora desta vía nunha lonxitude de 4,5 km, para dotala dunha plataforma ampliada a 7 metros, cun carril por sentido de 3 metros cada un

Mellorase puntualmente o trazado con variantes para aumentar a visibilidade e remodelarase a intersección coa N-VI, dispoñendo un carril central de espera e cuñas de cambio de velocidade

Ademais, o Concello de Baralla executará unha senda neste tramo, cuxo deseño foi coordinado con esta intervención

Santiago de Compostela, 15 de xuño de 2024

A Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas adxudicou por 2.302.355 euros a execución das obras de acondicionamento e mellora da estrada autonómica LU-710, desde a intersección coa N-VI e ata o enlace coa A-6, no concello de Baralla.

Esta intervención, adxudicada á empresa Grupo Bascuas 2008, S.L., ten como obxectivo a mellora da seguridade viaria na contorna, a través do ensanche e mellora desta vía autonómica no tramo que conecta a N-VI e a A-6, nunha lonxitude de preto de 4,5 quilómetros.

A través das obras que se veñen de adxudicar, a LU-710, unha vez acondicionada, contará cunha plataforma ampliada a 7 metros de sección,  sen incluír as cunetas, cun carril por sentido de 3 metros cada un e beiravías de 0,5 metros.

Ademais, mellorarase puntualmente o trazado con variantes, para aumentar a visibilidade e a perceptividade en tramos concretos da estrada, o que implementará a seguridade viaria.

Tamén se prevé a remodelación da intersección coa N-VI, cunha solución que canaliza, cun carril central de espera e cuñas de cambio de velocidade, os dous xiros á esquerda que actualmente se realizan de forma directa.

Finalmente, incorpórase ao proxecto a achega presentada ao proxecto inicial, dun acceso solicitado desde a estrada LU-710.

Ademais, o Concello de Baralla executará unha senda neste tramo, cuxo deseño foi coordinado coa intervención obxecto deste contrato, facilitándose deste xeito a actuación municipal.

A intervención realízase baixo un criterio de respecto co medio, ao discorrer por unha zona con gran valor ambiental e paisaxístico, a ribeira do río Neira, e cunha orografía moi accidentada.

O contrato asinarase nos vindeiros días co obxectivo de poder iniciar as obras no verán. Os traballos contan cun prazo de execución de 18 meses.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 15/06/2024