A Xunta súmase á celebración do Día Nacional das Linguas de Signos Españolas

O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, participou no acto conmemorativo organizado pola Federación de Asociacións de Persoas Xordas de Galicia

A Coruña, 14 de xuño de 2024

O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, participou hoxe no acto conmemorativo do Día Nacional das Linguas de Signos Españolas organizado pola Federación de Asociacións de Persoas Xordas de Galicia (FAXPG), onde destacou a importancia de darlle visibilidade a este “instrumento de comunicación, convivencia e inclusión”.

Diego Calvo salientou a necesidade de implicar o conxunto da cidadanía nesta conmemoración “para impulsar o coñecemento, a difusión e a normalización das linguas de signos en todos os eidos”. Neste obxectivo referiuse tamén á importancia da colaboración das administracións na eliminación de barreiras auditivas e sinalou o apoio da Xunta a través de diversas medidas.

Así, o pasado marzo renovouse o convenio entre a Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes e a FAXPG para garantir a accesibilidade das persoas xordas e xordocegas aos actos institucionais. A través do acordo tamén se ofrecen accións formativas en linguas de signos ao persoal da Administración autonómica.

A maiores, no eido da xustiza cóntase con intérpretes en lingua de signos nos xulgados, tribunais, fiscais e en todos os servizos, así como coa dispoñibilidade permanente destes profesionais nas gardas, e no das emerxencias facilítase o acceso aos servizos do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias (CIAE) 112 Galicia a través de recursos tecnolóxicos.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 14/06/2024