Antonio Gómez Caamaño, xunto co reitor, o director da cátedra, e a directora xeral de Saúde Pública, asistiu ao acto de presentación no Colexio Fonseca

A consellería de Sanidade e a USC presentan a Cátedra que estudará o impacto dos factores ambientais na saúde da cidadanía galega

O conselleiro de Sanidade subliña que a creación desta Cátedra se aliña totalmente cos obxectivos do seu departamento, que pasan pola prevención, a promoción e a protección colectiva da saúde de todos os galegos

Remarca que esta iniciativa reforza a colaboración entre a administración sanitaria e a universidade

Santiago de Compostela, 14 de xuño de 2024

O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, puxo en valor a creación da Cátedra de Saúde Ambiental, da que destacou que “contribuirá a medir con precisión o impacto crecente dos factores ambientais na saúde pública”.

O titular da carteira sanitaria do Executivo galego interveu no acto de presentación institucional desta Cátedra no Colexio Fonseca, acompañado polo reitor da USC, Antonio López; polo director da Cátedra, Alberto Ruano; e pola directora xeral de Saúde Pública, Carmen Durán.

Gómez Caamaño subliñou que a creación desta Cátedra se aliña totalmente cos obxectivos da propia Consellería de Sanidade, “que pasan pola prevención, a promoción e a protección colectiva da saúde da cidadanía galega” e o desenvolvemento de programas nesta materia.

O conselleiro destacou que esta iniciativa reforza a colaboración entre a administración sanitaria e a universidade, “unha viga mestra do edificio da nosa sanidade pública”.

Incidiu en que “só desde o coñecemento podemos mellorar o coidado da saúde da cidadanía e iso require fomentar a docencia, a investigación e a difusión dos coñecementos”.

O proxecto contribuirá, ademais, a diminuír a carga de enfermidades e identificar novas ameazas que logo se incorporarán aos sistemas de vixilancia de saúde pública.

Actividades da Cátedra

Na súa intervención o conselleiro tamén se referiu ao programa de actividades da Cátedra, que se centrará en buscar activamente novos riscos, factores emerxentes ou contaminantes ambientais que poidan implicar un risco para a saúde, así como a realización de cursos e seminarios que axuden a difundir o coñecemento e a práctica da saúde ambiental.

“Facer todo o posible para que a poboación non enferme é o mellor xeito de manter unha sociedade sa, un campo no que Galicia avanza de xeito decidido, mellorando e ampliando as políticas de saúde pública na nosa comunidade”, concluíu.

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 14/06/2024