A Xunta adxudica por preto de 300.000 euros a execución das obras de mellora da mobilidade peonil nas estradas PO-548 e PO-192, entre Bamio e Carril, en Vilagarcía de Arousa

Trátase de habilitar un itinerario para garantir a seguridade na conexión a pé entre Bamio e Carril, conectando as beirarrúas existentes nos extremos

Construirase un acceso ao cemiterio, que se sitúa á marxe contraria da beirarrúa, cun paso de peóns regulado cun semáforo e unha pasarela de baixada ao cemiterio

Santiago de Compostela, 14 de xuño de 2024

A Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas adxudicou por 297.308 euros a execución das obras de mellora da mobilidade peonil na intersección das estradas PO-548 e PO-192, entre Bamio e Carril, no concello de Vilagarcía de Arousa.

Esta intervención, adxudicada á empresa Construcciones y Obras Taboada Ramos S.L.U., conta cun prazo de execución de 5 meses, e ten como obxectivo resolver a configuración da intersección entre estas dúas vías autonómicas para favorecer a seguridade e a mobilidade peonil entre estes núcleos do municipio arousán e a conexión co cemiterio municipal situado na proximidade.

En concreto, baixo este contrato, executarase un itinerario alternativo máis seguro e segregado do tráfico rodado, posibilitando a conexión a pé entre Bamio e Carril, conectando as beirarrúas existentes nos extremos.

O percorrido aproveita un treito antigo de estrada que se acondiciona como paseo peonil, completándose a senda pola beira da PO-192 e do viario municipal da gasolineira. Deste xeito conséguese comunicar as parroquias de Bamio e Carril, dando acceso peonil ao cemiterio de Carril, considerado un foco de atracción de desprazamentos na zona.

Máis en detalle, a intervención iniciarase onde finalizan as beirarrúas do Salgueiral, cruzan a estrada cun paso sobreelevado para non afectar a un petróglifo existente na beiravía. A partir deste punto, a senda discorrerá en paralelo á PO-192 e ao viario municipal que dá acceso á gasolineira. O percorrido proseguirá polo viario municipal ata alcanzar o paso inferior que salva a variante de Carril (VG-4.7).

Unha vez pasada a estrutura, crúzase a calzada mediante outro paso de peóns sobreelevado para dirixirse a un camiño que se acondiciona con formigón coloreado e ancho de 2 metros, protexéndose o desnivel cunha varanda metálica. A continuación, o percorrido discorrerá sobre a estrada antiga ata alcanzar a beirarrúa existente en Carril.

Para acceder ao cemiterio de Carril é necesario cruzar a PO-548, sen que exista na actualidade ningún cruzamento seguro para isto. A intervención prevé a execución dun paso de peóns regulado mediante un semáforo con pulsador, ademais de complementar as escaleiras actuais cunha rampla executada mediante unha pasarela de madeira.

Ademais, para garantir a seguridade dos peóns no tránsito pola senda, a intervención complétase coa inclusión de iluminación pública.

Documentos relacionados

Data de actualización: 14/06/2024