Miranda destaca a exposición "As Xeracións do Montserrat. Memoria Emocional da Emigración Galega ao Reino Unido" como homenaxe ao sacrificio e esperanza dos emigrantes galegos no Reino Unido

Santiago de Compostela, 14 de xuño de 2024

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, asistiu este xoves á inauguración da exposición As Xeracións do Montserrat. Memoria Emocional da Emigración Galega ao Reino Unido, en Ferrol, onde destacou o valor desta exposición como unha viaxe emocional e histórica ao corazón da diáspora galega. A mostra é unha colaboración entre o Consello da Cultura Galega e a Xunta de Galicia.

Rodríguez Miranda subliñou que a exposición non é simplemente unha colección de imaxes e obxectos, senón un testemuño do sacrificio, a valentía e a esperanza dos emigrantes galegos. Recordou as historias de aqueles que, entre 1960 e 1974, deixaron Galicia na procura dun futuro mellor no Reino Unido, transformando non só as súas vidas, senón tamén o destino da terra que deixaron atrás. A mostra presenta fotografías, filmacións, documentos e obxectos náuticos e cotiáns, ofrecendo unha visión profunda sobre as vidas e experiencias dos emigrantes. As Xeracións do Montserrat rende homenaxe a todos aqueles que, cunha maleta chea de soños, cruzaron mares e fronteiras para construír un futuro mellor.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 14/06/2024