O conselleiro de Sanidade interveu no acto de inauguración do 30 Congreso Nacional de Medicina Xeral e de Familia

Gómez Caamaño sinala a redución da burocracia e o incremento de profesionais como as claves para dotar de prestixio a medicina familiar como base do sistema sanitario

Remarca que a sanidade pública lle debe moito aos médicos de familia e é hora de que a sociedade e as administracións recoñezan o papel esencial destes profesionais

A Coruña, 13 de xuño de 2024

Incorporar máis profesionais, reducir a burocracia, garantir a continuidade asistencial e promover a investigación, son algunhas das claves  nas que traballa a Consellería de Sanidade co obxectivo de dotar do prestixio que se merece a medicina familiar como base do sistema sanitario.

Así o sinalou esta tarde o conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, no acto de inauguración do 30º Congreso Nacional de Medicina Xeral e de Familia que se celebra na cidade da Coruña.

Neste evento, no que o conselleiro de Sanidade estivo acompañado pola presidenta da Sociedade Española de Médicos Xerais e de Familia, Pilar Rodríguez Ledo, Gómez Caamaño incidiu en a Xunta ten como prioridade, desde hai tempo, a aposta pola atención primaria.

Remarcou que a sanidade pública lle debe moito aos médicos de familia e é hora de que a sociedade e as administracións recoñezan o papel esencial destes profesionais.

No que atinxe á falta de médicos de familia e comunitarios, entre outros especialistas de atención primaria, unha situación compartida en toda España e en Europa, o conselleiro sinalou que evidencia que hai cousas que mellorar e que é necesario facelo cada un no ámbito das súas responsabilidades, incluído o propio Ministerio.

Na súa intervención Gómez Caamaño remarcou que os médicos de familia volverán ser este verán a garantía dunha asistencia sanitaria situada entre as mellores do mundo.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 13/06/2024