A Xunta traslada o seu labor e compromiso a prol da mellora da clasificación microbiolóxica das zonas de produción marisqueira de Cedeira e Valdoviño

A delegada territorial de Ferrol, Martina Aneiros, presidiu esta mañá unha reunión con representantes de ambos concellos e a confraría de Cedeira para analizar a situación dos bancos marisqueiros da ría e posibles medidas para mellorala

Ferrol, 13 de xuño de 2024

A delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, trasladou o labor realizado nos últimos anos polo Goberno galego e o seu compromiso na procura de medidas que contribúan a mellorar a clasificación microbiolóxica das zonas de produción marisqueira da ría de Cedeira.

Aneiros presidiu esta mañá un encontro con responsables municipais de Cedeira e Valdoviño na que participaron tamén representantes da confraría de Cedeira no que as partes acordaron incrementar a colaboración e os contactos ante calquera cuestión na que se poida avanzar. 

Durante a reunión expúxose a situación dos bancos marisqueiros da Magdalena (Cedeira) e de Vilarrube (Valdoviño), ambos actualmente clasificados como zona C, onde o produto subtraído non se pode comercializar ao fresco sen pasar previamente por un proceso de depuración natural mediante reinstalación. Neste sentido, afondouse nas posibles causas dos resultados das analíticas que periodicamente realiza o Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño (Intecmar) e que determinan esa clasificación microbiolóxica como zona C.

No encontro participaron tamén a directora do Intecmar, Covadonga Salgado, o presidente de Portos de Galicia, José Antonio Álvarez, e o director de Augas de Galicia, Roi Fernández, ademais de técnicos doutros departamentos.

O responsable do organismo hidráulico deu conta dos resultados da última campaña do Plan de Control de Vertidos (PCV) efectuada na que se constataron dous puntos de vertido na rede de saneamento municipal do Concello de Cedeira como principais focos de contaminación que puideran afectar á zona.

Traballo coas administracións locais

Por iso, o responsable de Augas de Galicia insistiu na necesidade de que o Goberno local faga un plantexamento para solucionar os problemas no saneamento toda vez que se trata dunha responsabilidade de competencia municipal. Nesta liña acordouse seguir actuando de xeito coordinado entre todas as partes implicadas para corrixir posibles ineficiencias adicionais que poidan existir.   

Nesta liña, Roi Fernández lembrou que a Xunta leva anos prestando apoio técnico e orzamentario aos concellos da zona para avanzar neste eido, como foi o caso do de Cedeira, co que contribuíu nun millón de euros nas obras de acometida da rede de separación de augas pluviais e fecais na parte nova da vila. No marco desta estratexia coa que o Goberno galego busca ofrecer unha alternativa de xestión autonómica dos servizos da auga, tamén informou dunha liña de axudas do Executivo galego para que os concellos realicen auditorías nas súas redes municipais coa fin de solucionar este tipo de incidencias e de optimizar o seu funcionamento.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 13/06/2024