O conselleiro de Sanidade inaugurou a xornada “Afondando na Estratexia Galega de Saúde Comunitaria de Atención Primaria”, no marco das actividades da Semana de Administración Aberta

Gómez Caamaño destaca o ambicioso plan da Xunta para mellorar a saúde da poboación a través de intervencións comunitarias que atendan o contexto social dos pacientes

O titular de Sanidade apuntou que é preciso avanzar cara a un modelo sanitario que se centre máis nas persoas e no seu contexto social

Sinala que a Estratexia Galega de Saúde Comunitaria en Atención Primaria 2023-2027 ten como obxectivo influír positivamente nos estilos de vida e nos determinantes sociais da poboación para mellorar a súa saúde

Remarca que a saúde comunitaria é unha liña de traballo prioritaria para a Consellería e ten entre os seus obxectivos a implantación normalizada de accións comunitarias nos centros de saúde 

Santiago de Compostela, 13 de xuño de 2024

O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, participou esta tarde no acto de inauguración da xornada “Afondando na Estratexia Galega de Saúde Comunitaria de Atención Primaria”, no que destacou a importancia da Estratexia Galega de Saúde Comunitaria en Atención Primaria 2023-2027 para influír positivamente na súa saúde da nosa poboación.

Acompañado pola directora xeral de Planificación e Reforma Sanitaria, Sofía López, o titular de Sanidade apuntou que é preciso avanzar dun xeito progresivo cara a un modelo sanitario que se centre máis nas persoas e no seu contexto social, no lugar de centrase nas enfermidades, como acontece no modelo tradicional.

“Moitos dos problemas de saúde que enfrontamos teñen a súa orixe nos determinantes sociais” incidiu Caamaño, ao tempo que subliñou o alto impacto que xa demostraron ter as intervencións comunitarias, tanto no eido sanitario, como no social.

Por este motivo, abundou o conselleiro, “a saúde comunitaria é desde hai anos unha liña de traballo prioritaria para a Consellería de Sanidade”, tendo como un dos seus obxectivos principais a implantación de accións comunitarias, de xeito normalizado, nos centros de saúde galegos.

Entre estas accións, destacou os Plans locais de saúde e os diferentes proxectos que se desenvolven nos centros de atención primaria de Galicia xunto con outros axentes sociais. Unhas iniciativas que se adaptan ás necesidades de cada territorio e coas que se melloran os coidados de diferentes patoloxías crónicas, coas que se promocionan os estilos de vida saudables, ou nas que se afonda no coidado da saúde mental.

A Estratexia Galega de Saúde Comunitaria en Atención Primaria 2023-2027 conta con 4 liñas de actuación, 13 obxectivos e 35 accións prioritarias, representando unha folla de ruta que procura a consolidar o enfoque comunitario como un dos eixos da atención sanitaria na nosa comunidade.

Presentación de actividades comunitarias

Durante a xornada de hoxe, o salón de actos da Consellería de Sanidade acolleu a presentación de diferentes accións comunitarias por parte de profesionais sanitarios de diversos centros de saúde galegos.

Así, e tras a presentación por parte da directora xeral de Planificación e Reforma Sanitaria, Sofía López, da Estratexia Galega de Saúde Comunitaria en Atención Primaria, a enfermeira do centro de saúde do Carballiño, Beatriz Blanco, detallou a iniciativa “Matilde no cole”. A médica de familia da área de Lugo, Julia Aboal, presentou a actividade “Coidar a quen nos coidan” e, por último, Laura Viña e Lucía Bruquet, matrona e enfermeira familiar no centro de Saúde de Chandrexa de Queixa, presentaron a actividade “Coñece o teu centro de saúde, achegando a primaria aos nenos”.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 13/06/2024