A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, e o conselleiro do Mar, Alfonso Villares, asistiron ao acto, no que se recoñeceu o labor e a traxectoria profesional dos premiados

A Xunta sitúa o sector agroalimentario como unha das potencias económicas da nosa comunidade na entrega dos X Premios Galicia Alimentación

María José Gómez vinculou a alimentación coa identidade propia dos galegos e sinalou que nela “conflúen moitos dos trazos que nos identifican dentro e fóra das nosas fronteiras”

Ademais, a conselleira reafirmou o apoio do Goberno galego ao sector primario mediante estratexias sectoriais, axudas e medidas de protección, certificación e  promoción da calidade diferenciada dos produtos alimentarios, como serán as sete feiras en cidades

O titular de Mar destacou a calidade e a innovación dos produtos galegos, que se sitúan como excepcionais no mercado nacional e internacional

Santiago de Compostela, 13 de xuño de 2024

“O sector agroalimentario é unha das potencias económicas de Galicia, que favorece tamén o dinamismo social e territorial do rural galego”. Así o defendeu este mediodía a conselleira do Medio Rural, María José Gómez, na clausura dos X Premios Galicia Alimentación, acto que contou tamén coa presenza do titular de Mar, Alfonso Villares.

Na súa intervención, María José Gómez puxo tamén en valor o feito de que a identidade propia dos galegos “depende moito destes valores”, xa que -engadiu- “na nosa alimentación conflúen moitos dos trazos que nos identifican dentro e fóra das nosas fronteiras”.

Tendo en conta esta importancia, a conselleira subliñou que o apoio ao sector primario “sempre será unha das prioridades para a Xunta”, algo que se manifesta, entre outras cuestións, coas diferentes estratexias sectoriais postas en marcha nos últimos anos para o lácteo, o cárnico, a horta ou as comarcas vitivinícolas. Este compromiso plásmase ademais, tal como explicou Gómez, a través de diferentes liñas de axudas, como os Plans de mellora, dotadas cun orzamento de 47 millóns de euros neste 2024, lembrou. Ao tempo, a titular de Medio Rural referiuse á aposta pola remuda xeracional e, en definitiva, polo futuro do noso campo, como un dos eixos principais de actuación do Goberno galego.

Feiras de promoción e central de compras

Asemade, incidiu no eido da protección, a certificación e a promoción da calidade diferenciada, na que tamén fixo fincapé na súa comparecencia parlamentaria deste pasado martes. Así, Gómez remarcou que nesta lexislatura desenvolveranse dous órganos previstos na Lei da calidade alimentaria de Galicia, como son o Consello Alimentario de Galicia e o Consello Galego da Artesanía Alimentaria.

Tamén, no que atinxe á promoción, trasladou que, a maiores das accións xa en marcha, organizaranse sete grandes feiras, unha en cada cidade da nosa autonomía, “para que os propios galegos sexamos os mellores embaixadores do produto propio”. Do mesmo xeito, a conselleira avanzou a creación dunha central de compras, que xa funciona en fase piloto, para axudar aos pequenos produtores na comercialización.

Neste evento, a conselleira quixo tamén sumarse ao recoñecemento das persoas galardoadas, poñendo de manifesto que estes premios valoran “aspectos tan importantes como a innovación, a internacionalización e a sustentabilidade agroalimentaria”. Así, trasladou os seus parabéns á cooperativa MeixoEira, á Queixería Barral e aos proxectos e prácticas empresariais tamén recoñecidos neste acto e que corresponden a Dairy Pet (primeiro produto lácteo do mundo, desenvolvido dende Galicia, con probióticos activos para gatos e cans); a innovación en Ceamsa (compañía do sector das algas mariñas); Queizuar mestura (produtor de queixos da denominación de orixe protexida (DOP) Arzúa-Ulloa) e Hijos de Rivera (premiada en particular por conseguir unha redución considerable do plástico nos seus empaques de cervexa).

Do mesmo xeito, a conselleira louvou a traxectoria de toda unha vida de Joaquín González á fronte de Vegalsa-Eroski e agradeceu o labor do Clúster Alimentario de Galicia. Sobre esta entidade salientou que “leva unha década organizando un evento centrado en recoñecer e visibilizar as accións neste eido, afondando na calidade, a excelencia, o emprendemento, a dixitalización, o marketing e a internacionalización”.

Innovación e calidade

Pola súa banda, o conselleiro do Mar, Alfonso Villares, enxalzou a innovación, calidade e tradición que hai detrás dos produtos galegos que melloran a calidade de vida dos consumidores grazas á súa aportación nutritiva. Ademais, recalcou a relevancia socioeconómica do sector agroalimentario galego, no que destaca por méritos propios a cadea mar-industria situando a Galicia como a principal rexión pesqueira de Europa.

O responsable autonómico destacou a importancia destes premios, organizados por Clusaga, como unha maneira de recoñecer e poñer en valor o esforzo e a dedicación das empresas galegas e os seus profesionais, que co seu bo facer e coñecemento melloran día a día a calidade dos seus produtos, amosando una gran capacidade para adaptarse aos cambios do mercado e ás novas demandas dos consumidores.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 13/06/2024