A Temporada Lírica da Coruña conta co apoio da Xunta para unha 72ª edición con Puccini como protagonista

A posta en escena de ‘La Bohème’ os días 8 e 10 de setembro abrirá a programación de 2024, que terá como eixo central a homenaxe ao gran compositor italiano no centenario do seu pasamento

A Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude contribúe con 160.000 euros á organización da carteleira que se estende ata finais de novembro

A ópera ‘L’elisir d’amore’, a estrea de ‘Pálido punto azul’ ou os recitais de Marko Mimica e Hui He son outras das citas destacadas deste ano

A Coruña, 13 de xuño de 2024

A Asociación Amigos de la Ópera da Coruña desvelou hoxe o programa completo da 72ª Temporada Lírica da cidade herculina, que terá como eixo central a homenaxe ao compositor italiano Giacomo Puccini no centenario do seu pasamento. A Xunta de Galicia mantén o seu compromiso co colectivo coruñés para a organización desta nova edición, á que lle achega 160.000 euros a través do correspondente convenio de colaboración.

Así o especificou o director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, durante a presentación celebrada no Teatro Colón, na que tamén interviñeron a presidenta da Asociación Amigos de la Ópera, Natalia Lamas; o director artístico da Temporada Lírica, Aquiles Machado, e o concelleiro Gonzalo Castro.

O representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude enmarcou esta colaboración na liña de promoción musical desenvolvida polo Goberno galego, que se estende a milleiros de citas por toda Galicia ben a través da súa organización directa, ben mediante o apoio a múltiples eventos para todo tipo de públicos. Neste sentido, fixo fincapé na “diferenciación, identidade e relevancia” da programación que cada ano prepara Amigos de la Ópera, entidade decana das asociacións líricas españolas e referente dentro e fóra de Galicia na difusión deste ámbito musical.

Ópera inaugural

A posta en escena de La Bohème abrirá esta 72ª edición con dúas representacións o 8 e o 10 de setembro no Palacio da Ópera. A homenaxe a Puccini arranca, pois, cunha das súas obras máis coñecidas, que regresa á Coruña despois de 17 anos. Con ela, volven tamén á Temporada Lírica o tenor Celso Albelo e a soprano Miren Urbieta-Vega, nos papeis protagonistas desta produción da Luglio Musicale Trapanese, con dirección escénica de Danilo Coppola. Helena Abad, Manuel Mas, Simón Orfila, Pablo Carballido, Jacobo Rubianes e Alfonso Castro completan o elenco desta montaxe, na que José Miguel Pérez-Sierra levará a batuta da Orquestra Sinfónica de Galicia e para a que se contará, así mesmo, cos coros Gaos e Cantabile.

O especial Puccini inclúe unha conferencia de Irene de Juan Bernabeu e proxeccións, como as que terán lugar na Filmoteca de Galicia, así como a gala de clausura do 29 de novembro, día no que se cumpren os 100 anos do pasamento do gran compositor. A soprano asiática Hui He interpretará para a ocasión unha escolma de arias e obras orquestrais do italiano, acompañada pola Orquestra Sinfónica de Galicia baixo a dirección de Beatrice Venezi.

A segunda das óperas da 72ª Temporada Lírica será L’elisir d’amore, de Gaetano Donizetti, que poderá verse os días 27 e 29 de setembro no Teatro Colón. Producida polo Teatro Trapanni, a montaxe ofrece un achegamento a esta coñecida obra a través da ollada do artista colombiano Botero no primeiro aniversario do seu falecemento.

Voces galegas

Outras das citas destacadas deste ano serán o recital de canción galega e zarzuela do barítono coruñés Javier Franco o 15 de setembro, a actuación do baixo barítono croata Marko Mimica o 23 de outubro, a estrea de Pálido punto azul, do compositor galego Javier Otero, o 12 de novembro, así como unha nova entrega dos ciclos Novas voces galegas e Lírica inclusiva.

O programa complétase con actividades infantís, presentacións de libros e unha nova edición do curso de interpretación vocal, que desta volta correrá a cargo do barítono Carlos Álvarez.

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 13/06/2024