A Feira do Libro chega a Redondela con máis dunha trintena de actividades vinculadas á lectura

Trátase da sexta parada do circuíto cultural impulsado pola Xunta de Galicia e a Federación de Librarías de Galicia

A Alameda acollerá ata o domingo 16 de xuño unha trintena de actividades que inclúen espectáculos, presentacións, sinaturas de libros e sesións de teatro infantís

Redondela (Pontevedra), 13 de xuño de 2024

O circuíto impulsado pola Xunta de Galicia e a Federación de Librarías de Galicia chega hoxe a Redondela coa inauguración dunha nova edición da Feira do Libro, un encontro cultural que ocupará a Alameda ata o próximo domingo 16 de xuño e que supón a sexta parada no percorrido por 13 localidades galegas ata finais de agosto.

A cita inagurouse hoxe coa lectura do pregón a cargo da escritora Fina Casalderrey, referente da literatura galega infantil e xuvenil e recentemente nomeada ao Premio internacional Memorial Astrid Lindgren 2024. Tras isto dá comezo unha ampla programación na que se inclúen máis de 30 actividades culturais como presentacións, sinaturas de libros, espectáculos musicais ou sesións de teatro infantís.

Unha ruta cultural que continuará ata agosto

A Feira do Libro de Redondela, cun horario de 11,00 a 14,00 horas e de 17,00 a 21,00 horas, contará coa participación de Galgo Azul, Libraría La Imprenta, Libraría Prisma, Libraría Molière e Mandamama.

Tras a súa parada en Redondela, o circuíto seguirá o seu percorrido por Vigo, do 1 ao 7 de xullo; Ponteareas, do 11 ao 14 de xullo; Rianxo, do 24 ao 27 de xullo; A Coruña, do 1 ao 10 de agosto; Viveiro, do 12 ao 15 de agosto; Foz, do 16 ao 19 de agosto, e Monforte de Lemos, do 21 ao 24 de agosto.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 13/06/2024