O director xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, Jacobo Rey, visitou a casa niño das Somozas acompañado do alcalde, Juan Alonso Tembrás

A Xunta lembra que mañá é o último día para solicitar a creación de oito novas casas niño en Galicia

A orde en marcha permitirá a posta en marcha de 40 novas prazas totalmente gratuítas para nenos de 0 a 3 anos en concellos nos que non existe escola infantil

As Somozas (A Coruña), 13 de xuño de 2024

O director xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, Jacobo Rey, visitou esta mañá a casa niño situada no concello das Somozas. Durante a visita, na que estivo acompañado do alcalde da localidade, Juan Alonso Tembrás, lembrou que mañá é o último día para solicitar a orde de axudas para a creación de novas casas niño por toda Galicia.

A Xunta destina 806.200 euros a esta convocatoria que permitirá a posta en funcionamento de oito casas niño, 40 novas prazas 100 % gratuítas para nenos de 0 a 3 anos que viven en núcleos de poboación sen escola infantil. Galicia conta nestes momentos cun cento de casas niño en funcionamento, o que demostra a boa acollida destes servizos desde a súa posta en marcha no ano 2016.

Esta nova convocatoria presenta como novidade o establecemento dunha axuda complementaria de 150 euros semanais durante o período que dure a baixa de maternidade ou paternidade da persoa encargada do servizo. Coma ata o de agora, o Goberno galego ofrece unha axuda anual á persoa promotora deste servizo e, a maiores, un investimento inicial dun máximo de 15.000 euros para a adecuación das instalacións onde se vaia emprazar a casa niño.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 13/06/2024